O Concello de San Sadurniño acaba de iniciar o expediente para a elección de dúas persoas -unha titular e outra substituta- para facerse cargo do Xulgado de Paz. A través dun bando asinado pola alcaldía infórmase da convocatoria do posto e da apertura dun prazo de 15 días hábiles para presentar as instancias, que empezará a contar ao día seguinte da publicación do anuncio no BOP. Pode ser xuíz ou xuíza de paz calquera persoa con nacionalidade española, maior de idade, que non estea condenada por ningún delicto e que tampouco teña causas de incapacidade ou incompatibilidade para desempeñar funcións xudiciais. Non é necesario ter licenciatura en dereito, aínda que o habitual é que se valorare tanto ese como outros méritos. Unha vez que se peche o prazo de recollida de instancias será o pleno do Concello quen elixa á persoa titular e á substituta.
Os xulgados de paz son os órganos máis básicos do poder xudicial e exercen a súa xurisdición en todos aqueles municipios onde non existe xulgado de primeira instancia. As súas funcións teñen que ver con todo o relacionado co Rexistro Civil -certificados, inscricións, matrimonios, defuncións, etc.- pero tamén no relativo a xuízos verbais relativos a reclamacións de cantidades que non superen os 90€, actos de conciliación na orde xurisdiccional e o ditado de dilixencias por auxilio xudicial. Entre elas estarían a instrución, enxuizamento, fallo e execución dos xuízos de faltas que se promovan, tales como ameazas, coaccións, maltrato de animais domésticos ou perturbacións da orde e danos leves de bens inmobles.
No tocante ao auxilio xudicial encadraríanse, por exemplo, o apoio a outros xulgados na toma de declaración a persoas prexudicadas ou a cooperación con eles á hora de facerlle chegar ás persoas interesadas resolucións e actos de comunicación xudicial.
O cargo de xuíz ou xuíza de paz -así como o de substitución- ten unha vixencia de catro anos e a súa elección é competencia directa dos plenos municipais, onde se adoita tomar a decisión por consenso en base aos méritos alegados polas persoas aspirantes, como poden ser o de ter titulación ou formación relacionada coa avogacía ou coa carreira xudicial.
O pleno elixe, pero despois é a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia quen nomea á persoa proposta, dado que o cargo non é municipal, senón que forma parte do Poder xudicial do Estado. De feito, as retribucións que reciben os xuíces ou xuízas de paz están recollidas nos orzamentos xerais estatais, onde se sinalan distintas compensacións dependendo do número de habitantes do municipio. No caso de San Sadurniño márcase unha contía total ao ano de 1.869,36 euros. Iso si, cómpre ter en conta que quen obteña o nomeamento non terá que facer todo o traballo administrativo, senón que contará co apoio da secretaria do Xulgado, que é unha das técnicas de administración do Concello.
As condicións xerais para acceder ao posto son as seguintes: posuír nacionalidade española e residir en San Sadurniño (agás autorización do TSX), ter a maioría de idade, estar en pleno exercicio dos dereitos civís, non estar nalgunha das causas de incapacidade previstas no artigo 389 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, non ter impedimentos físicos ou psíquicos para a exercer o cargo, non ter sido obxecto de procesamento, inculpación ou condea, salvo que se teña obtido o sobreseimento, a absolución ou a rehabilitación. Tampouco se pode pertencer a ningún partido político.
En calquera caso, unha vez que se publique o anuncio no BOP abrirá un prazo de 15 días hábiles para que as persoas interesadas presenten a solicitude e a relación de méritos acreditados. Poden rexistrala por calquera dos métodos legalmente admitidos: correo certificado, rexistro presencial, portelo único da administración ou a través da sede electrónica municipal.