Luns 29 de maio de 2023. Día despois das eleccións municipais e, en certo modo, un “día da marmota” coma aquel que fixera famoso o actor Bill Murray na película titulada en España “Atrapado en el tiempo”. Para quen non se lembre del, o filme vai dun xornalista meteorolóxico que se ve abocado a revivir o mesmo día unha e outra vez desde que se ergue ata que volve deitarse. E en San Sadurniño o luns poselectoral é desde 2011 o noso particular día da marmota, espertando cos datos xa definitivos do reconto nos que se reflicte unha nova maioría absoluta do BNG -a cuarta que encadea Secundino García- e, por terceira vez consecutiva, cunha correlación de forzas que non varía en canto a número de actas: 7 para o Bloque Nacionalista Galego, 3 para o Partido Popular e 1 para o PSdeG-PSOE. Ese é o balance dunha xornada de votacións caracterizada pola normalidade e por un escenario en que a participación se achegou ao 70%, tres puntos porcentuais por baixo das dúas citas anteriores. O outro titular da xornada, coñecido a media mañá, é que en menos de dous meses, o 23 de xullo, volveremos ir votar, desta vez nunhas Eleccións Xerais.
Volvendo ás Municipais, aquí en San Sadurniño o BNG obtivo 983 votos. Un total de 7 concellarías que contarán, entre outras caras novas, coa de Raquel Piñeiro e a de Manel Martínez, que acceden por primeira vez á corporación municipal na compaña do cabeza de lista, Secundino García, Mari Carme Muíño, Manolo Varela, Araceli Bellas e Manolo Beceiro. O Bloque acadou o 58,68 por cento dos votos, o que lle supón unha suba porcentual próxima ao punto e medio e a proporción máis alta das últimas catro convocatorias electorais.
O partido nacionalista ganou en todas as mesas cunha maioría máis que folgada agás na de Santa Mariña do Monte, parroquia que volveu darlle o seu apoio maioritario ao PP aínda que o BNG estivo a tan só 8 votos de sobrepasar en sufraxios á candidatura popular.
O PP mantense como segunda forza no salón de plenos. Conseguiu 474 votos, o que supón o 28,29% e algo menos dun punto porcentual de incremento con respecto a hai catro anos. Os populares apostaron nestas eleccións polo continuismo do seu proxecto retocando levemente a candidatura, na que mantiveron nos postos de cabeza a María Belén Trigo, a María Esther Díaz e a José Luís Hermida, quen repetirán outro mandato.
Pola súa banda, a candidatura do PSdeG-PSOE, malia manter o seu escano desde 2007, baixa case tres puntos porcentuais. O 14,12% que acadara Lois Anxo Rodríguez en 2019, con 259 votos, queda no 11,34% de Juan Alberto Rivera. O candidato socialista, outra das caras novas que accede ao salón de plenos, sumou 190 votos, 82 menos que hai catro anos. Iso si, nun contexto en que o censo pasou dos 2.513 electores e electoras de 2019 aos 2.431 das eleccións celebradas onte.
A nova corporación municipal para o período 2023-2027 tomará posesión dos seus cargos o sábado 17 de xuño, previa constitución da Mesa de Idade que estará composta por Manolo Varela como membro máis vello e por Araceli Bellas como concelleira máis nova. Nesa sesión votarase a elección do alcalde e, se non hai novidade, Secundino García Casal tomará posesión do seu cargo por quinta vez desde que un bipartito BNG-PSOE desbancase ao PP do goberno municipal nas eleccións de 2007. García converterase deste modo no alcalde máis veterán da comarca tras completar 16 anos no cargo -12 deles con maioría absoluta-e os outros catro que ten por diante ata 2027.
Despois do pleno de constitución do Concello, dentro dos 30 días seguintes, será necesario convocar o pleno de organización, onde quedarán establecidas, entre outras cousas, as delegacións da alcaldía nas concellarías e a configuración da Xunta de Goberno Local. Para daquela xa estaremos ás portas dunha nova cita coas urnas, despois de que esta mesma mañá o presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, anunciase a disolución das Cortes e a convocatoria de Eleccións Xerais para o domingo 23 de xullo.
RESULTADOS DAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS E COMPARTATIVA 2011-2023
2023 |
2019 |
2015 |
2011 |
|
CENSO |
2.431 |
2.513 |
2.677 |
2.778 |
PARTICIPACIÓN |
1.693 (69,64%) |
1.834 (73,33%) |
1.979 (73,93%) |
2.198 (79,12%) |
BNG |
983 (58,68%) 7 |
1.050 (57,25%) 7 |
1.123 (58,37%) 7 |
1.262 (58,37%) 7 |
PP |
474 (28,29%) 3 |
501 (27,31%) 3 |
602 (31,29%) 3 |
600 (27,75) 3 |
PSOE |
190 (11,34%) 1 |
259 (14,12%) 1 |
199 (10,34%) 1 |
300 (13,88%) 1 |