Como xestionar os resíduos domésticos (III): O COLECTOR AZUL

0

Os colectores azuis, metálicos ou iglús, que hai repartidos polo territorio son os máis doados de utilizar. Mellor dito, son os que en teoría menos dúbidas deberían xerar sobre que botar e que non botar no seu interior. Porén, non sempre é así e é habitual que dentro deles tamén se atopen numerosos impropios, como envoltorios de plástico, corcho branco, cinta adhesiva, cedés e deuvedés, cueiros e outros refugallos que non deberían estar alí. Quedade con esta regra xeral: no azul, só papel e cartón. E ademais tede en conta que dentro desta regra hai salvedades, como por exemplo que a caixa dunha pizza con restos de queixo ou unha servilleta de papel usada tampouco poden ir ao azul, senón que teñen que botarse no colector do xenérico. Ah, e outra cousa, o papel e cartón teñen que depositarse directamente, preferiblemente prensados e sen bolsa.

Con todo o anterior xa debería estar máis ou menos claro o uso do colector azul como primeiro paso da reciclaxe do papel e o cartón, que son os materiais cunha maior taxa de recuperación. De feito, o ideal sempre é reducir no posible o consumo para evitar ter que tirar despois, ou ben reciclar na casa de múltiples maneiras. Isto lógrase con pequenas accións: aproveitando mellor os folios e libretas, doando libros e publicacións en vez de mandalos para a reciclaxe, gardando caixas pequenas dentro doutras máis grandes por se algún día as precisamos, xuntando para facer collages e outras manualidades coa rapazada, etc.

Unha vez reducido, reutilizado e reciclado todo o reducible, reutilizable e reciclable, entón si, o que xa non teña segunda vida útil no fogar haberá que levalo ao colector azul para que as empresas especializadas volvan reiniciar o ciclo. Para que o proceso teña éxito é importante recordar a regra que dixemos ao empezo, “no azul, só papel e cartón”, aínda que iso requira algún traballiño pola nosa parte.

Poñamos por exemplo que recibimos un paquete que trae dentro unha cousa fráxil. O paquete é unha caixa de cartón envolta con film plástico e dentro dela vén o noso obxecto perfectamente protexido con plástico de burbullas, algo de poliespán e bólas de papel de xornal enchendo os ocos. Pois ben, nese caso debemos separar a caixa e os cachos de xornal para botalos no colector azul; mentres que o film, o plástico de burbullas e a protección de poliespán hai que depositalos no colector amarelo.

Consideramos importante atender ao anterior exemplo, xa que é moi habitual atopar no iglú azul restos completos de entregas que despois dificultan todo o proceso de reciclaxe do papel e cartón. Para optimizalo aínda máis é moi recomendable dobrar ou prensar -as bocas dos colectores xa están deseñadas para que o fagamos-, nunca apretar ou enrugar de calquera xeito. Así conseguiremos optimizar o espazo interior do colector   e tamén o dos camións do servizo de recollida, o que se traducirá en menos viaxes e menos emisións de CO² á atmosfera.

Recordemos unha vez máis o uso correcto do colector azul:

SI: Papel e caixas de cartón: envases de cereais e produtos conxelados (de cartón, obviamente), papel de envolver, caixas de calzado, folios, libretas vellas (sen o espiral de arame), etc. Os documentos con información sensible (facturas, recibos e outros que teñan datos privados), mellor pasalos antes por unha trituradora ou trizalos ben trizados cunha tesoura antes de tiralos. Os libros… mellor doalos.

Non: Bricks (van ao colector amarelo), servilletas e papel de cociña usado (van ao xenérico ou dos resíduos orgánicos, se o hai), caixas de pizza con restos de queixo ou tomate, bandexas de empanadas, cueiros e compresas (colector do resto xenérico).

Facer unha correcta separación en orixe dos residuos domésticos axudará a reducir os custes de mantemento do servizo de recollida e posterior tratamento dos restos. Porén, o máis importante é adoptar condutas de consumo responsable para baixar ao mínimo os refugallos que xeramos, recordando para iso os TRES R: Reducir, Reutilizar e Reciclar.

Se tedes calquera dúbida sobre os tipos de restos que deben depositarse en cada colector do lixo, non dubidedes en preguntarnos cunha mensaxe a través de Facebook, chamando ao Concello -981 490 027- ou a través da aplicación web e para móbil Liña Verde.

_DSC8539

Imaxe dun iglú do papel con varios refugallos impropios que non deberían terse botado dentro. Os libros, aínda que si poderían ir, mellor doalos

Share.