O Aldebarán-Intasa xoga na casa a permanencia

0

O Aldebarán-Intasa de Superliga trouxo para a casa unha importante victoria fronte ao Ushuaia Ibiza que foi fundamental para  seguir mantendo viva a esperanza da permanencia na máxima categoría do volei estatal. Os azuis venceron 1-3 aos baleares na penúltima xornada da liga regular e agora tócalles puxar nos dous encontros que faltan, o do sábado no municipal contra o Valencia e o deste mércores, tamén no pavillón (19:00h), contra o Boiro que quedara aprazado hai unhas semanas por causa da COVID-19. O Aldebarán ten que ganar ambos partidos, facelo pola máxima e, ademais, ten que darse a condición de que o Emevé Lugo non puntúe na súa cita contra o Conectabalear Manacor. Así as cousas, o equipo local quere encher o pavillón nos dous próximos encontros, sabedor da importancia da bancada nos momentos decisivos. Por iso, de cara ao derbi deste mércores todas as persoas socias poderán retirar un convite gratuíto e, ademais, a partir das 17:30h o público asistente poderá participar de balde nunha degustación de mexillóns por cortesía da DOP Mexillón de Galicia.

O equipo de San Sadurniño depende nun 50% de si mesmo para acadar a permanencia na Superliga. Para iso precisa ganar estes dous partidos por un 3-0 ou, como pouco, por un 3-1. Un reto difícil pero non inalcanzable que os de Agustín Rodríguez están mentalizados para cumprir, tal e como demostrou o bo xogo exhibido o sábado na cancha do Ushuaia Ibiza Volei, un equipo co que comparten a parte baixa da táboa. Diante terán ao Boiro este mércores (no posto 8º) e ao Valencia o sábado (18:00h) que marcha na novena posición.

O outro 50% para lograr o obxectivo dependerá do que faga o Emevé Lugo na fin de semana. Se o Aldebarán gana con contundencia os dous partidos, os lugueses estarán obrigados a facer o propio no seu partido contra o Manacor para non descender canda o Ushuaia. Ademais, para engadir presión, o Conectabalear Manacor tamén visitará a cancha luguesa á procura da máxima puntuación posible coas miras postas en meterse no quinteto que disputará o campionato ligueiro, algo que ten ao alcance da man.

Todas as posibilidades están abertas neste momento e o Aldebarán-Intasa apunta ao partido do mércores  como “un dos máis importantes da historia do clube” contra un Rotogal Boiro ao que, gañando en San Sadurniño, tamén lle darían as matemáticas para subir ao quinto posto se pinchan os tres que ten por riba.

Estando por decidir quen mete a cabeza no campionato ligueiro e quen se salva do descenso, o Aldebarán ten claro que hai que saír á pista dalo todo nestes dous partidos que se van xogar na casa. E tamén ten claro que fai falla o máximo apoio da afección.

Por iso, este mércores ás 19:00h hai que encher o pavillón. Todas as persoas socias poderán retirar de balde unha entrada e, como aperitivo, o equipo convida a todo o público á degustación de produtos  cortesía de Mexillón de Galicia que se servirán no patio cuberto do CPI a iso das 17:30h.

 

 

Share.