O BOE publica a exposición pública do parque eólico Caaveiro

0

O Boletín Oficial do Estado de onte publicou o anuncio do Ministerio de Política Territorial e Función Pública mediante o que se somete a información pública tanto o estudo de impacto ambiental como a solicitude de autorización administrativa previa para o parque eólico Caaveiro, que lle afectaría aos concellos de San Sadurniño, Cabanas, Fene e Neda. O proxecto, de 78 MW, contempla a instalación de 14 aeroxeradores (máis un de reserva) distribuídos polos catro municipios, dos cales 5 -todos cunha altura próxima aos 200 metros- irían na zona do monte da Louseira, na Cortella, no entorno da Penamoura e tamén preto das Cancelas, en Naraío. A publicación do anuncio marca desde hoxe un prazo de 30 días hábiles -até o 27 de xullo- para presentar alegacións. O trámite haberá que facelo perante a Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia. Á información dispoñible sobre o proxecto pode accederse desde esta ligazón.

O Concello programará unha xuntanza de carácter informativo coa veciñanza para trasladarlle todos os detalles sobre este proxecto, que forma parte dun conxunto de 6 parques eólicos promovidos por ENEL Green Power S.L. (Endesa) nun radio de 50 quilómetros ao redor de As Pontes que sumarían máis de 600 MW de potencia instalada.

Os dous primeiros que entraron en exposición pública son o denominado Caaveiro -o que máis lle afecta a San Sadurniño- e tamén o chamado Tesouro, de 60 MW, que ocupará parte da zona do Forgoselo, na Capela, e da escombreira de Endesa, xa nas Pontes, cun total de 12 turbinas e seis emprazamentos alternativos de reserva por se algúns deses muíños proxectados finalmente son considerados como non viables durante a tramitación. O anuncio de exposición pública atópase aquí.

Ademais destes dous, nos anuncios do BOE tamén se citan os parques de Barqueiro, Badulaque, Santuario e Moeche sen precisar o seu emprazamento, que irían conectados igual que os outros dous á subestación de Red Eléctrica situada na térmica das Pontes. Prevese que á volta duns dez ou quince días saia publicado o anuncio e a documentación completa do parque proxectado por ENEL en Moeche. Segundo parece, este último non contempla a instalación de aeroxeradores no noso territorio, aínda que unha pequena parte de San Sadurniño limítrofe co municipio veciño si estaría afectada pola poligonal dese parque.

Tramitacións aceleradas e dificultade para atopar a información
En calquera caso, o proxecto P.E. Caaveiro é o primeiro con incidencia destacada en San Sadurniño do que hai documentación dispoñible e prazo concreto de alegacións. Na publicación do BOE sinálanse tan só 30 días hábiles contados desde hoxe, a pesar de que na web da Delegación do Goberno, canda á documentación, aparece a frase “2 meses”, sen máis, o que induce a pensar erroneamente que se trata do período de alegacións.

Ademais, no anuncio do Boletín Oficial do Estado indícanse ligazóns para acceder aos documentos que non levan directamente a eles, senón que obrigan ás persoas interesadas en saber máis a bucear pola web da Delegación do Goberno ata dar con eles. “Os proxectos son complexos de entender e difíciles de obter a menos que se saiba andar por internet e se teña unha boa conexión. Os prazos de alegación son reducidísimos a pesar de tratarse dunha cuestión con grandes repercusións para o territorio e, resumindo, toda a tramitación de parques eólicos estase facendo de costas á xente e poñendo obstáculos para que poidan defender os seus dereitos”, comenta Secundino García.

Por este motivo o alcalde cursou solicitudes formais á Xunta e ao Estado para que lle proporcionen ao Concello a información da que dispoñan sobre proxectos que se encontren en calquera fase de tramitación. Ademais, o consistorio tamén está estudando aquela que xa se coñece “e a que se poida publicar proximamente sobre outros proxectos que lle poidan afectar a San Sadurniño” co obxectivo de trasladarlla á veciñanza en encontros que se convocarán en cuestión de días xa que, segundo o alcalde, “os tempos son os que son e non hai moita marxe de manobra”.

O trámite do P.E. Caaveiro e doutros que pretenden asentar na zona é de competencia estatal por tratarse de parques cunha potencia instalada superior aos 50 MW, de modo que os escritos de alegación deberán dirixirse á Área de Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia, situada na Praza de Ourense 11, C.P. 15003 A Coruña. As persoas físicas poderán exercer ese dereito indistintamente polo rexistro presencial ou telemático, mentres que as persoas xurídicas deberán facelo obrigatoriamente por vía electrónica.  Tamén se poderá consultar a documentación nas propias dependencias da Delegación do Goberno solicitando cita previa no 981 989 559 ou no correo electrónico industria.acoruna@correo.gob.es.

Anuncio publicado no BOE sobre a exposición pública do P.E. Caaveiro (alegacións até o 27 de xullo)
Ligazón á documentación do proxecto

Share.