Os concellos da Capela, Cerdido, Moeche, Neda, San Sadurniño e Valdoviño non abrirán este verán as súas piscinas municipais nin para baños libres nin para o desenvolvemento doutras actividades. Así se informa nun comunicado conxunto emitido esta mañá polos seis municipios, que aluden ás dificultades para cumprir os protocolos de prevención estatais e autonómicos, pero tamén para regular os aforos e garantir o cumprimento do distanciamento social dentro das instalacións. No comunicado -que adoptará forma de bando en todos os concellos- tamén se sinala como inconveniente que a aplicación das medidas hixiénicas suporía un obstáculo para o normal funcionamento e desfrute das piscinas públicas.
COMUNICADO
OS CONCELLOS DA CAPELA, CERDIDO, MOECHE, NEDA, SAN SADURNIÑO E VALDOVIÑO ACORDAN CONXUNTAMENTE NON ABRIR AS INSTALACIÓNS DAS PISCINAS MUNICIPAIS PARA GARANTIR A SEGURIDADE DAS PERSOAS USUARIAS
O cumprimento dos protocolos e normas establecidas pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Sanidade fai case imposible abrir as piscinas municipais de forma que os concellos poidan ofrecer todas as garantías sanitarias necesarias para a seguridade da veciñanza.
A Capela, Cerdido,Moeche, Neda, San Sadurniño e Valdoviño, comunican a súa decisión de non abrir as piscinas municipais este verán dadas as circunstancias xeradas pola pandemia da COVID 19. Os representantes municipais adoptan este acordo tras analizaren entre todos o contido dos protocolos redactados polo Ministerio de Sanidade e a normativa aprobada pola Xunta de Galicia, documentos nos que se establecen unhas condicións que os concellos dificilmente poden asumir nin tampouco garantir o seu cumprimento.
Nesta decisión tomada de xeito conxunto polos diferentes concellos déuselle prioridade á seguridade da veciñanza que acuda ás piscinas municipais, pero tamén se tivo en conta a imposibilidade de que estas instalacións de lecer cumpran o seu obxectivo fundamental no verán, como é que as persoas poidan gozar dun momento de tranquilidade. Neste sentido, a aplicación das medidas preventivas interrompería o uso das instalacións varias veces na xornada polos continuos labores de desinfección e limpeza, que se terían que levar a cabo obrigatoriamente, así como polas restricións de uso doutras dependencias imprescindibles, como aseos, duchas e vestiarios. Valorouse tamén o prexuízo que causan as continuas achegas de auga e cloración que se deberán facer e o uso permanente de desinfectantes.
O conxunto da normativa establecida polas Administracións parte de que os riscos asociados á COVID 19 están relacionados coa interacción entre persoas que acoden ás zonas de baño e, polo tanto, é fundamental garantir o distanciamento social, a desinfección e limpeza varias veces ao día de todos os elementos, limitar o tempo de permanencia das persoas usuarias e o aforo. De abriren as instalacións, os concellos deberían aplicar con rigor as medidas establecidas, o que imposibilitaría o acceso do habitual número de veciñas e veciños e, os que puidesen, terían que observar as normas restritivas de uso por mor da Covid 19.
Os alcaldes e alcaldesa.
Manuel Meizoso López (A Capela), Benigno Galego Castro (Cerdido), Beatriz Bascoy Maceiras (Moeche), Ángel Alvariño Saavedra (Neda), Secundino García Casal (San Sadurniño) e Alberto González Fernández (Valdoviño).