9 domicilios participan nas “Entroidadas” organizadas polo Concello

0

A Concellaría de Cultura propúxolle á veciñanza hai unhas semanas ambientar este Entroido con bonecos e espantallos colocados diante da casa coa finalidade engadida de homenaxear dalgunha maneira a quen se encargan nestas datas de que as mesas estean cheas de ricas e contundentes viandas. Con esa idea lanzouse a iniciativa “Entroidadas”, na que finalmente só se anotaron nove participantes. Malia ser poucos, os que se inscribiron botáronlle traballo e imaxinación para arrancarlle un sorriso a quen pase preto dos bonecos. Os domicilios participantes entrarán agora no sorteo dunha viaxe para visitar en Allariz no mes de maio o certame internacional de xardíns.

A titular de Cultura, Amparo Calvo, laiouse esta mañá da baixa participación indicando que “quizais fallou o plantexamento ou o premio”, aínda que, pola mesma, tamén lle quitou ferro ao feito de que non se anotasen máis domicilios. “Parece que a situación sanitaria mellora pero aínda se palpa un certo desánimo e recelo ás celebracións. Seguro que á volta dun tempo, se as cousas se normalizan, recobraremos os folgos trouleiros que tiñamos antes da pandemia. Probablemente o Entroido do ano que vén poidamos organizalo como merece e alentar á xente para que tamén o celebre nas parroquias como se fixo toda a vida”.

Calvo recorda que o seu departamento  volveu botar fóra o Entroido en 2020, despois de anos celebrándose a cuberto e centrado maiormente na rapazada. O movemento pretendía “recuperar a esencia dunha tradición de fonda raizame galega” e obtivo como resultado “unha participación máis que aceptable de máscaras de dentro e fóra de San Sadurniño” que fixo supoñer que ao ano seguinte tería máis forza.

Ninguén contaba naquel momento que en tan só uns días estariamos todas e todos pechados na casa por causa dunha pandemia “da que aínda hoxe non demos saído e motivo polo que este ano optamos por non facer un desfile de máscaras coma o de 2020, aínda que non houbese impedimento algún para facelo”, xustifica a concelleira.

Como alternativa carnavaleira, o Concello programou as “Algueiradas de inverno” do pasado sábado en Naraío e a que terá lugar en Bardaos o próximo 12 de marzo e, no medio, a entroidada de poñer un espantallo na porta da casa. A proposta era sinxela: preparar un boneco vestido de cociñeira ou cociñeiro e colocalo nun sitio que se vise ben desde a vía pública. O convite lanzóuselle á veciñanza e tamén ao alumnado do CPI. Finalmente só o atenderon nove domicilios, cuxas creacións poden verse nunha galería fotográfica publicada na páxina en Facebook do Concello.

Os espantallos deberán estar expostos até o 6 de marzo para entrar no sorteo dunha viaxe a Allariz  para visitar no mes de maio o XII Festival Internacional de Xardíns. O sorteo farase o 11 de marzo ás 10 da mañá na Casa do Concello sacando catro números que lle darán o premio compartido a dúas persoas por cada domicilio agraciado (8 persoas en total). O premio consiste na viaxe de ida e volta a Allariz en microbús, o xantar da xornada e as entradas na exposición de paisaxismo da vila ourensá. A maiores, sortearanse outros catro domicilios como suplentes por se chegado o momento algún dos gañadores non pode ou non quere ir a Allariz.

Share.