61 postos participan este domingo no mercado local do outono

0

O departamento de Desenvolvemento local do Concello de San Sadurniño publicou este xoves o listado de inscricións para o mercado local que se celebará este domingo nos xardíns municipais. Son un total de 61 postos, dos que unha cuarta parte ofertarán alimentos e produtos de temporada mentres que os restantes se reparten entre artesanía e artigos de segunda man. As previsións do tempo anuncian unha mañá soleada que seguramente contribúa a animar o mercado.

Nesta edición a alimentación adquire un protagonismo especial, xa que á oferta habitual da horta e da froita seguramente se una a dos cogomelos, as noces e as castañas que, segundo parece, este ano veñen en abundancia e con moi boa calidade. Outro apartado é o das flores que, ás portas de Defuntos, posiblemente tamén teñan boa saída.

Xunto coa produción alimentaria e floral, o evento tamén acollerá puntos de venda de artesanía, postos que mesturan a partes iguais manufacturas e artigos de segunda man e outros centrados exclusivamente nos artigos de colección ou nas oportunidades. E é que se algo caracteriza o mercado local de San Sadurniño é a variedade, entre a que se pode atopar calquera cousa: complementos, obxectos decorativos, curiosidades vintage e, sobre todo, froitos da terra en fresco ou xa transformados, como produtos da horticultura, pan, marmeladas, embutidos, etc.

Como é habitual, o mercado comezará entre as 9.30 e as 10 da mañá, coa diferenza de que neste caso quen queira estar cedo notará menos o madrugón por mor cambio de hora -ás 3 da mañá do domingo o reloxo atrásase para as 2-. Os postos teñen fixada a entrada no recinto entre as 8 e as 9.30h. en quendas de media hora para que a montaxe se desenvolva de forma fluída. O regulamento de participación sinala que os puntos de venda deberán estar abertos ata as 14.30h.

Esta cita naceu co obxectivo de recuperar as feiras tradicionais e potenciar un comercio de proximidade no que se aposte, principalmente, polos produtos de calidade. Outra das finalidades do mercado é servir de escusa para atraer visitantes ao concello que aproveiten para mercar algo, para achegarse a algún dos establecementos hostaleiros do municipio ou para descubrir o patrimonio natural e cultural de San Sadurniño. De feito, o mapa de recursos turísticos do concello actualizado recentemente, ofrece dúas rutas xusto ao carón do mercado: unha de 2.2 quilómetros centrada no patrimonio con saída e chegada na Casa do Concello e outra de 3 quilómetros, tamén circular, que pasa polo paseo fluvial, a horta de froiteiras, o arboreto e os xardíns municipais.

Share.