38 postos participantes no penúltimo mercado do ano

0

O domingo promete vir bo día no que se refire ao tempo atmosférico. Disque haberá sol e boa temperatura para desfrutar do aire libre neste arranque de outono que aínda arrecende a verán. Para quen queira botarse fóra e aproveitar a raiola, o Concello ten organizadas tres propostas, todas elas relacionadas. Unha é o mercado local, no que se darán cita 38 postos, outra será a animación musical da Batuko Tabanka a partir das 12.00h. -en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade- e a terceira consistirá na limpeza simultánea dun tramo do Xubia con saída e chegada no propio recinto do mercado.

A cita comercial xuntará 10 postos de artesanía, 6 que xuntan a artesanía e a segunda man, 9 que venderán exclusivamente oportunidades e antigüidades e 13 que traerán produto alimentario, xa sexa horta, froita ou elaborados de todo tipo, aínda que seguramente haxa unha oferta variada de fabas,  mel e  mazás.

O mercado comezará, coma sempre, cerca das 10 da mañá e prolongarase ata pasadas as 14.00h. Desta vez os postos concentraranse na parte superior dos xardíns para aproveitar mellor o espazo e concentrar o máis posible a actividade.

Seguindo a liña iniciada a principios de ano pola área de Desenvolvemento local, o encontro contará cunha proposta cultural paralela. E é que cara ao mediodía haberá unha pequena actuación musical da agrupación de orixe caboverdiana Batuko Tabanka, que nos levará co seu son á rica mestura da cultura lusófona coa africana. A actuación chega a San Sadurniño con axuda do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o Concello forma parte.

A terceira das propostas arredor do mercado é a xornada de limpeza simultánea de ríos “Móllate polos ríos” promovida por ADEGA.  A saída está posta para as 10.30h. dos xardíns municipais, onde haberá un pequeno expositor do Concello.

O grupo de voluntarios e voluntarias trasladarase até o entorno da EDAR de Cornide e desde alí iniciará o traballo seguindo a marxe dereita do Xubia río arriba ata o paseo fluvial e, finalmente, volta ao mercado. Como remate do traballo serviránselles uns petiscos no patio interior da Casa do Concello. Quen queira participar aínda está a tempo de facelo chamando ao teléfono 672.022.787.

Trofeo de volei o sábado
Lembramos, ademais, que durante todo este sábado tamén se desenvolverá no pavillón municipal o XVI Trofeo de volei Concello de San Sadurniño “Memorial Óscar Prieto”. Os partidos comezan ás 10.00h. co enfrontamento entre o Dumbría e o Emevé Lugo. A segunda eliminatoria xogarana ás 12.00h. o Aldebarán e o Rotogal Boiro. A actividade no pavillón retomarase ás 17.00h. coa disputa do 3º e 4º posto, mentres que o arranque da final está previsto para as 19.00h. A entrada é gratuíta.

Listado de postos participantes no mercado local

Share.