370 deportistas participarán na VIII Carreira popular de San Sadurniño deste domingo

0

O Concello pechou esta fin de semana o prazo de inscrición na oitava edición da carreira popular que vai percorrer a contorna do centro urbano na xornada deste domingo 4 de xuño. Na cita anotáronse 370 deportistas, na súa maior parte para o trazado de 4,9 quilómetros. Na web emesports.es, onde poden consultarse todas as inscricións, aparecen  196 participantes para a carreira absoluta, mentres que as 174 anotacións restantes se corresponden coas probas desde Sub-14 até Peques, con circuítos de distintas distancias sen saír dos sendeiros do arboreto da Cortiña. A popular iniciarase ás 11:00h coa carreira Sub-14 e media hora despois arrancarán todas as categorías englobadas no apartado absoluto, que este ano introduce importantes modificacións no percorrido para que a carreira sexa máis vistosa para público e participantes.

O trazado describe unha grande roda que pasará pola Bidueda, cruzará Cornide e seguirá pola beira da estrada de Ortigueira ata chegar á Casa do Concello, onde os e as deportistas encararán a recta final pasando polos xardíns municipais e o Mesón A Granxa antes de rematar de novo na Cortiña.

Son 4,9 quilómetros que entrañan certa dificultade ou, dito doutro xeito, unha falsa aparencia de facilidade que lle pode dar algunha sorpresa ás corredoras e corredores que non dosifiquen ben o esforzo. E é que  entre o quilómetro 1,2 e 2 terán que salvar 50 metros de desnivel costa arriba e inmediatamente despois facer outros 800 metros de distancia costa abaixo, antes de encarar os dous últimos quilómetros da proba.

No penúltimo tramo, comprendido entre Cornide e a Casa do Concello, a carreira evolucionará en descenso primeiro e despois irá mudando cara a unha costa ascendente que arranca suave xusto despois de cruzar o río e que se acentúa preto da casa consistorial. Trátase dunha grande recta cun desnivel non demasiado pronunciado, pero si o suficientemente longo como para obrigar a baixar o ritmo, o que pode provocar cambios substanciais na clasificación dos grupos con menos experiencia nun punto relativamente próximo á liña de meta.

Na carreira absoluta, con 196 participantes, anotáronse  desde deportistas que nacesen entre 2008-2009 ata os que pasan dos 55 anos, dentro das categorías SUB 16, SUB 18, Senior, Máster 35, Máster 45 e Máster 55, tanto en masculino como en feminino. A saída daráselles sobre as 11:30h calculando un tempo máximo de 50 minutos.

Antes, ás 11:00h, desenvolverase a proba SUB 14 (20 inscricións) e unha vez finalice a absoluta, a iso das 12:30h, irán encadeándose as carreiras SUB 12  (47 participantes), SUB 10 (30 deportistas) e Peques (77 nenas e nenos) a razón de unha cada cuarto de hora, co obxectivo de comezar coa entrega de premios sobre as 13:30h.

A popular de San Sadurniño convida a correr “polo medio ambiente” na que é xa unha das citas clásicas para o deporte afeccionado da comarca. Ademais será o primeiro evento deportivo da comarca que exhiba nas bandeiras e no arco de saída e chegada a imaxe do Xeoparque do Cabo Ortegal despois de que a UNESCO aprobase a concesión do distintivo hai escasos días.

O Concello contará coa asistencia técnica da Federación Galega de Atletismo. Ademais tamén colabora a clínica local Fisio-Che-Ben cun servizo de fisioterapia.

Regulamento e información xeral

CADRO HORARIO DAS SAÍDAS

cadro horario carreira popular

Share.