26 criaturas empezan curso na Rolada

0

Primeiro día de escola na EIM A Rolada. Unha xornada de presentación e en compaña dos papás e mamás para que os neniños e neniñas se vaian afacendo ao resto e tamén ás súas mestras, con quen pasarán tempo de brincadeira e aprendizaxe nos próximos meses. Hoxe empezaron na escola infantil de San Sadurniño 26 crianzas, 4 na unidade de 0 a 1 ano, 9 na de 1 a 2 e 13 na unidade de 2 a 3 anos. Para a cativería este primeiro día todo foi correr -ou andar a catro pés- , xogar cos trebellos e descubrir un espazo que será como a súa segunda casa nos próximos meses

O curso na Rolada sempre comeza pouco a pouco  para que a rapazada non note o importante cambio que van vivir de agora en diante. Na primeira xornada deuse de marxe entre as 10 e as 12 da mañá para que as familias fosen pasando polo centro en calquera momento deixando que os nenos e nenas andivesen á súa bóla polas aulas e o patio e empezando a relacionarse entre si. Un primeiro día de escola que serve para que os pequenos e pequenas exploren o centro e tamén para que os papás e mamás vexan como se desenvolven rodeados de lugares e caras novas.  “Imos  pouco a pouco, cada día un pouco máis de tempo e xuntando pequenos grupos de nenos para que poidan interrelacionarse pouquiño a pouco entre eles”, explica a directora do centro, Lucía Formoso.

A partir de mañá a adaptación continuará, aínda que xa nas aulas que corresponden para cada idade. As familias compartirán coas crianzas este periodo que, porén, non é indefinido. Do luns en diante a estadía dos nenos e nenas irá aumentando e, ao mesmo tempo, irá baixando a presenza familiar. Neste proceso cada neno ou nena é un mundo e o momento en que queden coas mestras sen papá/mamá depende de como asimilen a nova situación, sobre todo se é alumnado de nova incorporación.

Tal e como explica Formoso, este ano a maioría da matrícula confórmana criaturas que xa estiveron o ano pasado no centro, aínda que “hai un número bastante elevado de nenos novos”. A adaptación para o alumnado “veterano” é máis doada, pero aínda así búscase que sexa paulatina en todos os casos “polo feito de que os nenos non vexan os papás dos outros aquí e os deles non. Ademais, hai caras novas, mestras tamén novas… entón hai que ir pouco a pouco”, comenta a directora da escola.

Aínda así o período de adaptación non é algo indefinido e a experiencia das docentes indica que despois dunha semana ou algo máis -sobre o 15- os menores poderán asistir ao centro nas xornadas solicitadas sen falla da compañía paterna ou materna e sen maior problema, aínda que haxa algún que outro choro momentáneo na porta.

Ese mesmo día, o 15 de setembro- iniciarase o servizo de comedor tanto para as prazas de reserva -nenos e nenas que xa estiveron o ano pasado na escola e que, polo tanto, xa teñen costume de comer alí- como para as novas incorporacións, sempre e cando o proceso de adaptación se completase con normalidade.

Hoxe comezaron na Rolada 26 nenos e nenas, 4 na unidade das crianzas máis pequerrechiñas -as de menos de un ano-, 9 na unidade de 1 a 2 anos e 13 no grupo de 2 a 3 anos.   Atendendo á capacidade da EIM -38 prazas- desde a área de Igualdade apuntan que quedarían 12 prazas vacantes: 4 na unidade de 0 a 1 ano, 4 na unidade de 1 a 2 anos e 4 na de 2 a 3. Prazas que se poderán cubrir a partir de agora solicitándoas en calquera momento, tal e como se sinala no regulamento de funcionamento do centro.

 

Share.