22 nenas e nenos empezarán curso en setembro na EIM A Rolada

0

O Concello acaba de publicar a relación definitiva de rapazada admitida na Escola Infantil Municipal A Rolada, que contará con 22 nenas e nenos a partir de setembro. Iso en principio, xa que a partir de agora calquera familia que precise este servizo pode solicitar praza sen agardar, ata cubrir as 38 que ten o centro distribuídas en tres unidades. O listado de admisións está publicado no tablón de anuncios do Concello e na propia escola e, ademais, tamén se lles enviou comunicación individual ás familias lembrándolles a obriga de confirmar a praza facendo a matrícula. A novidade este ano é que deberán facer o trámite pero non terán que pagar nada, en previsión de que proximamente se publique o decreto de gratuidade anunciado pola Xunta. Desta e doutras cuestións informarase nunha xuntanza que terá lugar no salón de plenos o próximo mércores 20 de xullo ás 19:00h. 

A Xunta aínda non publicou o decreto ou resolución que regulará a gratuidade de todas as escolas infantís galegas. Para as familias suporá un importante aforro, mentres que para os concellos que coma o noso teñen unha EIM fóra da rede A Galiña Azul, o anuncio autonómico obrigará a adaptar a normativa que regula o acceso e o funcionamento do servizo.

O problema neste momento é cuestión de tempos. Con setembro á volta da esquina e agosto polo medio, o Concello está en pleno proceso de admisións sen saber todos os detalles dese próximo decreto nin as contías que percibirá como compensación para manter a gratuidade.

Ademais, mentres non haxa publicación oficial no DOG, o Concello tería que seguir aplicando o seu propio regulamento e tarifas. Incluso debería cobrar agora a matrícula aínda que despois tivese que devolverlla ás familias.

Porén, e para evitar mareos e voltas, o Goberno local optou por deixar en suspenso o cobro adiantándose ao decreto, de maneira que as familias admitidas deberán confirmar a súa matrícula pero sen necesidade de pagar nada mentres non se dilucide o alcance total da gratuidade anunciada pola Xunta.

A área municipal de Igualdade publicou este luns a resolución das admisións definitivas e comunicoulles ás familias por carta a obriga de rexistar a solicitude de matrícula no prazo máximo de 15 días desde que reciban a carta remitida polo Concello. O documento pode entregarse presencialmente na Casa do Concello, aínda que desde o departamento recomendan que o trámite se faga a través da Sede Electrónica. Non atender esta obriga no prazo sinalado suporá o perda do dereito á praza obtida.

As nais e pais están convocados a unha xuntanza informativa o próximo mércores 20 de xullo -salón de plenos, 19:00h- para explicarlles as modificacións previstas a raíz do decreto autonómico.

En setembro iniciarán curso na Rolada 22 nenas e nenos: 1 na unidade de 0 a 1 ano, 10 na unidade de 1 a 2 e 11 na de 2 a 3 anos. Desta maneira, no centro aínda quedarían 16 prazas vacantes que as familias poden solicitar en calquera momento: 7 na das crianzas de 0 a 1 ano, 3 na de 1 a 2 anos e 6 na aula das nenas e nenos de 2 a 3 anos. As prazas dispoñibles adxudicaranse sen atender a máis requisito que a orde de entrada no rexistro municipal.

 

 

 

Share.