En marcha unha nova edición da Aldea de Verán

0

As  nenas e nenos inscritos na quenda de xullo da Aldea de Verán xa levan varios días de actividade tendo como principal espazo de referencia o ximnasio do CPI de San Sadurniño. Ata fin de mes brincarán e compartirán un tempo de aprendizaxe e lecer relacionado coa ciencia, o exercicio físico, a música e incluso coa fotografía. Propostas lúdicas e educativas todas elas  -e de conciliación para as familias- que non só se desenvolverán a cuberto, senón que tamén están previstas ao aire libre nas varias saídas que hai programadas. O departamento municipal de Igualdade recorda que ata o día 12 de xullo permanece aberto o prazo de solicitude de participación na quenda de agosto da Aldea, que aínda ten prazas dispoñibles.

Este ano o servizo volve estar xestionado por Sonaga Gestión S.L., quen achegou unha proposta baixo o título “Xogamos todxs” que toca de maneira transversal diversos temas que se van incluíndo nas mañás da rapazada en distintos días, tendo en conta que na presente edición se ampliou o horario.

Todos días empezan cunha asamblea na que as nenas e nenos contan o que fixeron na casa o día anterior e, tralo repaso, métense nos “Xogos con talento”, que son un entretemento de baixa intensidade -manualidades, lectura e escritura, xogos de memoria, etc.- mentres van chegando todas as crianzas.

A partir das 9:00h, xa con todas e todos os participantes. comezan as actividades máis fortes do día, e cada día unha distinta, como zumba, xogos tradicionais, xincanas que fomentan o deporte en igualdade, concursos de talento, o traballo coa fotografía onde se alentan as habilidades de cada persoa e se promove o respecto pola diversidade, o coñecemento de referentes femininos na ciencia e outros ámbitos e tamén  a importancia de traballar en equipo.

Os momentos máis intensos da mañá -das 9:00 ás 11:00h- dánlle paso  á media hora de merenda trala que comeza unha segunda parte da xornada máis relaxada para “baixar revolucións”. Tal e como explica a técnica de Igualdade, Oriana López, “fanse actividades como ioga, exercicios de relaxación ou actividades máis calmadas como contacontos ou xogos artísticos”.

A técnica engade que en todas estas propostas lúdicas e educativas “toma un papel importante a perspectiva de xénero e a interacción coa natureza e outros espazos do concello. Os xoves, por exemplo, pasan a mañá na área recreativa dos Currás e xogan na piscina desde as once e media ata as dúas da tarde”.

O programa xeral combinarase con pequenas excursións, contacontos e outras propostas. De feito, o luns 15 van participar no programa Veráns de Lecer Consumo da Xunta de Galicia, centrado nesta ocasión no consumo responsable e nos xoguetes seguros. Durante a Aldea de Verán tamén está previsto facer saídas á praia de Ares, ao castelo de Moeche e á Casa do Mel de Goente.

Inscricións na Aldea de Verán do mes de agosto
A Aldea de Verán ofertou este ano 35 prazas tanto para a quenda de xullo como para a de agosto. As de xullo cubríronse na súa totalidade, mentres que para agosto aínda hai dispoñibles 16 vacantes. As familias que precisen botar man deste servizo teñen até o 12 de xullo para presentar a súa solicitude.

Par obter máis información sobre o programa poden dirixirse aos servizos de Igualdade do Concello de San Sadurniño ou chamar ao 981 490 027. A folla de solicitude -que incorpora tamén  o resto da documentación requirida (cuestionario médico, dni e autorización)- hai que rexistrala en persoa nas oficinas municipais, ou ben a través da Sede Electrónica, onde tamén figuran todos os impresos para a súa tramitación en liña ou para descarga.

Ficha de inscrición e outra documentación
Autorización de representación (só se se presenta a solicitude en nome doutras persoas)

 

Share.