O 35º Rallye Cidade de Narón pasa por parte de Igrexafeita e Ferreira na mañá deste sábado

0

Este sábado vai desputarse por distintos puntos da comarca a 35ª edición do Rallye Cidade de Narón. A proba é puntuable para a  Copa de España de Rallyes de Asfalto e nela inscribíronse 78 equipos á procura da victoria tras completar un total de once tramos cronometrados e 387 quilómetros entre carreira e enlaces. O trazado “San Pedro-VO Ferrol”, de 15,15 km, cruzará parte de Igrexafeita e Ferreira en dúas pasadas previstas a partir das 9:05 e das 12:00 horas. O tráfico estará cortado, polo tanto, entre as 08:05 e aproximadamente as 13:30h.

A proba automobilística arrancará no lugar de San Pedro, en Recemel. Desde alí os coches encararán San Sadurniño pasando polo Porto dos Bois, A Veiga e Santa Cristina ata cruzar o río e entrar en Amido, xa na parroquia de Igrexafeita.

Desde Amido subirán polo Hedreiro ata a Chabola -onde se encontra unha das curvas máis afamadas do rally- e  desviaranse cara a San Cristovo para continuar camiño en baixada primeiro polo Chao, logo polo Xestal e finalmente as Filgueiras. Nese punto xirarán á esquerda para volver subir polo medio do monte ata preto da Leiriña, onde se situará o punto final de cronometraxe.

Desde a organización e desde o Concello prégase que se atendan ás recomendacións de seguridade á hora de acceder aos tramo e de elixir os lugares para seguir a proba. Tamén se recorda que a circulación en todo o trazado, denominado no itinerario horario TC2 e TC4 San Pedro -“VO Ferrol”, estará cortada entre as 08:05 e as 13:30h deste sábado 22 de xullo. 

O tramo non abrirá entre cada pasada, pero desde a organización informan que no caso de que fora imprescindible habilitarlle o paso a alguén que teña que saír ou entrar no percorrido por razón de urxencia (unha ambulancia, por exemplo), e sempre que non houbese un camiño alternativo, deberase chamar ao 633 388 020.

Share.