Coidados porta a porta volverán por San Sadurniño o 7, 8 e 9 de xuño

0

A Consellaría de Política Social ten en marcha desde 2021 o programa de Coidados porta a porta, consistente no despregamento polo rural galego de 8 unidades móbiles preparadas para ofrecer consultas básicas en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria. Dentro do seu calendario, unha destas unidades -que son algo así como unha pequena clínica sobre rodas- estará en San Sadurniño á volta dun mes, os días 7, 8 e 9 de xuño, atendendo totalmente de balde entre as 9:00h e as 20:00h. Todas aquelas persoas  de 55 anos en diante que queiran acudir ás revisións dos pés, o oído e a memoria, poden solicitar cita previa nos teléfonos 622 748 283 – 623 546 992 ou no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

Os servizos que se prestan de maneira gratuíta nas unidades móbiles teñen unha finalidade máis ben preventiva e de detección de problemas que quizais non se lle comunicaron ao médico ou médica de cabeceira e que, de iren a peor, poderían derivar en problemas de saúde máis graves ou resultar nunha situación de dependencia.

No caso da consulta podolóxica, o persoal fará un corte e limpeza das uñas, ademais de eliminar durezas, calos e helomas. Porén, se cadra un dos servizos máis importantes é o da revisión do estado xeral do pé, coa finalidade de atopar sinais de alerta -case sempre relacionados coa circulación ou a diabete- que poidan ter unha cura difícil se non se tratan a tempo.

Por outra banda, o servizo  tamén revisará a audición por medio dunha exploración do oído e facendo audiometrías que confirmen ou desboten calquera perda neste sentido. Ademais tamén se darán consellos para previr no posible a perda auditiva, cuxo principal efecto negativo é a dificultade para interactuar e socializar plenamente con quen nos rodean.

O terceiro servizo que atoparemos na unidade móbil de Coidados porta a porta refírese á memoria. Faranse sinxelos exercicios de estimulación cognitiva e funcional que lles darán ás profesionais deste servizo itinerante pistas clave para ver se hai algún proceso incipiente de deterioramento. Un deterioramento que non necesariamente ten por que ser sinónimo de Alzhéimer e que en moitos casos se pode ralentizar e incluso reverterse exercitando a cabeza, facendo exercicio, xogando e facendo máis vida social.

O servizo Coidados porta a porta estará en San Sadurniño os días 7, 8 e 9 de xuño. A unidade móbil aparcará na praza do antigo Concello, onde atenderá eses tres días entre as 9:00 e as 20:00h totalmente gratis e con cita previa, que debe solicitarse no 622 748 283, no 623 546 992 ou no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

Trátase dunha iniciativa de Política Social dirixida a persoas maiores de 55 anos que está percorrendo todos os concellos rurais galegos, financiada con fondos Next Generation do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia.

Share.