Así, nesta primeira sesión falouse de habilidades sociais, fundamentais para as relacións da cativería dentro e fóra da familia. O apego, a asertividade, a cooperación, a comunicación, o autocontrol, a comprensión de situacións, a resolución de conflitos e, sobre todo, a empatía (poñerse no lugar da outra persoa), son habilidades que se aprenden e que se deben traballar no núcleo familiar. Neste sentido hai que ter en conta que non abonda con ensinar, senón que as persoas maiores tamén deben dar exemplo.
A escola vai dirixida a pais, nais ou persoas titoras con fillos e fillas en idade escolar matriculadas no CPI de San Sadurniño. A actividade ten unha frecuencia mensual e desenvólvese no propio colexio os martes pola tarde de 15.30 a 17.00h. con datas distintas dependendo dos temas e as idades para os que estean máis aconsellados. Así, as familias con rapazada en infantil e primaria asistirán o 14 de febreiro á segunda clase sobre habilidades sociais, o 14 de marzo e o 18 de abril abordarán as normas e límites e, para rematar, o 16 de maio tratarán as novas tecnoloxías.
As familias de secundaria empezarán a semana que vén. O 24 de xaneiro falarán sobre normas e límites, o 21 de febreiro e o 21 de marzo sobre consumo de drogas e os días 25 de abril e 23 de maio terán dous obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías, centrados tanto en condutas adictivas como nos novos xeitos de violencia que se exercen a través das redes sociais e os dispositivos móbiles.
A Escola de familias impártea Asfedro coa colaboración do Programa de Educación familiar do Concello, do CPI de San Sadurniño e de especialistas en formación sobre novas tecnoloxías da Garda Civil.