A Xunta prevé novas restricións a partir desta fin de semana ante o avance imparable da 5ª onda da pandemia

0

A Xunta informou este mediodía das novas restricións coas que se pretende frear o avance en Galicia da 5ª onda da pandemia. Entrarán en vigor na medianoite do venres para o sábado, como resposta á explosión de contaxios entre persoas menores de 40 anos, ao incremento da presión hospitalaria e en UCI e, incluso, ao feito de que xa se rexistrasen falecementos de persoas que estaban vacinadas coas dúas doses. O subcomité clínico da Xunta recomendou elevar ao nivel máximo as restricións en 7 concellos e ao alto noutros 29, mentres que o resto de Galicia permanecerá no nivel medio ou medio-baixo. Neste último caso encóntrase San Sadurniño, onde o SERGAS xa notificou unha incidencia de entre 1 e 9 casos activos tras varias semanas sen eles.

O anunciado polo presidente da Xunta refírese a novas limitacións para a hostalaría e a restauración, que non pecharán pero terán que cumprir varias esixencias no caso de aqueles territorios que se encontren en nivel máximo e alto. Nesas zonas, para acceder ao interior de bares, restaurantes e cafetarías haberá que cumprir algunha das seguintes condicións: ter a pauta de vacinación completa, acreditar unha proba negativa nas últimas 72 horas ou ter pasado a enfermidade. Insistimos, isto só é de aplicación en municipios con nivel extremo ou alto, mentres que nos niveis medio e medio-baixo non será obrigatorio. Tampouco será obrigatorio nas terrazas nin para a rapazada menor de 12 anos.

Os aforos en bares e restaurantes quedan así:

  • Nivel máximo: 30% no interior (con documentos) e 50% no exterior
  • Nivel alto: 50% no interior (con documentos) e 50% no exterior
  • Nivel medio: 50% no interior e 50% no exterior
  • Nivel medio-baixo (San Sadurniño): 50% no interior e 100% no exterior

En toda Galicia os establecementos terán que seguir pechando á 01.00h e lémbrase a obriga de usar máscara, que existan medidores de CO2 e que haxa rexistro de comensais no caso de ofreceren ceas.

Nos municipios en niveis máximo e alto o ocio nocturno permanecerá pechado ata que baixe a incidencia, mentres que nos demais niveis os aforos quedan así:

  • 50% en interior e 75% en exterior nos que estean en risco medio
  • 50% en interior e 100% en exterior nos que estean en risco baixo

O horario de peche segue manténdose nas 03.00h e, de igual maneira, é obrigada a máscara, a medición do CO2 e o rexistro.

A maiores de todo isto, a Xunta tamén lle solicitou ao TSXG autorización xudicial para aplicar restricións aos grupos de non conviventes tanto en interiores como ao aire libre. Serían as seguintes, con carácter xeral en toda a comunidade:

  • Máximo 6 non conviventes (ou dous grupos de convivencia) en interior. É dicir, nun domicilio si poderían xuntarse, por exemplo, un grupo de 7 persoas que vivan xuntas e outro formado por 6 conviventes.
  • Máximo 10 non conviventes  (ou dous grupos de convivencia) en exterior. Se as persoas que se reúnen non viven xuntas, o máximo son 10. Pero se son conviventes o número poderá ser maior. Tamén poderán xuntarse dous grupos de conviventes, co único límite do número de persoas que formen parte de cada un deles (por exemplo dous núcleos familiares, un de 7 e outro de 8 persoas)

Nos territorios en risco máximo e alto prohibiranse as reunións de non conviventes en interior e exterior entre as 01.00h e as 06.00h. No caso daqueles que estean en risco medio e medio baixo (San Sadurniño entre eles) a prohibición de xuntanzas de non conviventes, tanto en interior como en exterior, será entre as 03.00 e as 06.00h.

Festas, concertos e outros eventos rexeranse polo que indiquen os seus protocolos específicos.

Estas últimas medidas que implican a limitación de dereitos fundamentais recollidos na Constitución están supeditadas a que as avale o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, igual que as outras, entrarían en vigor na medianoite deste venres para sábado. O contido completo e detallado publicarase nestes días no DOG.

En calquera caso, é fundamental seguir extremando as precaucións en canto a hixiene respiratoria e limitando ao imprescindible as interaccións sociais fóra dos núcleos de convivencia.

Share.