O Concello celebrou este último xoves de xullo un pleno ordinario que, ademais da validación da acta da sesión anterior, levaba dous únicos puntos de relevancia na súa orde do día: un proxecto para renovar as redes de iluminación pública en puntos concretos de Santa Mariña, Ferreira e Naraío; e, por outra banda, darlle o visto e prace á proposta dos festivos locais de 2027, que volverán ser o Martes de Entroido e o día de Santa Isabel. Asuntos que obtiveron o apoio unánime de toda a corporación, reservando o debate -nesta ocasión máis ben intercambio de pareceres- para os rogos e preguntas do tramo final da sesión.
O pleno durou arredor de 16 minutos. Tempo no que as concelleiras e concelleiros presentes abordaron os catro puntos que ían na orde do día para deliberación e acordo. O primeiro foi a aprobación da acta da sesión anterior, que saíu adiante sen ningún tipo de puntualización. Logo tocoulle ao asunto do proxecto para modernizar a iluminación pública en varios lugares que quedaron fóra do outro grande proxecto que o Concelllo acaba de adxudicar para acometer unha renovación xeral en todas as parroquias.
En Ferreira renovarase a instalación da Chabola, mentres que en Santa Mariña do Monte actuarase nas zonas de Vilar e Golpilleira. No caso de Naraío, o proxecto centrarase na contorna do Pico. Cambiaranse un total de 159 luminarias, renovaranse 155 brazos de suxeición, instalaranse catro novos centros de mando e substituiranse distintos tramos de cableado, completando así a modernización da rede de alumeado público nestes núcleos e mellorando tanto a eficiencia enerxética como a calidade da iluminación.
A actuación está orzamentada en 77.547 euros e financiarase con cargo ao segundo plan adicional da Deputación da Coruña, que tamén permitirá financiar gasto corrente (outros 193.000 euros). Alén do Grupo de Goberno, tanto o edil do PSOE como o Grupo Municipal do PP -que se astivera na comisión informativa pola falla dun informe- votaron a favor do investimento.
Deseguido tocoulle aos festivos locais do ano que vén. De igual modo saiu adiante por unanimidade a proposta do Executivo de que sexan o 9 de febreiro -Martes de Entroido- e o venres 2 de xullo, Santa Isabel.
Estes tres asuntos resolvéronse en escasos cinco minutos, que lle deron paso a varios rogos da oposición instando a que se leven a cabo as xestións oportunas para que Augas de Galicia limpe o cauce do Xubia, que se subsanen dous baches existentes na avenida Marqués de Figueroa e que se faga seguimento da aprobación, por parte do Estado, do compromiso de asumir o 50% dos custes de atención á dependencia, tema este último que lle deu pé ao alcalde para asegurar que, malia ser unha boa noticia, está pendente de facerse efectiva. Secundino García avanzou, ademais, que tamén está pendente de determinarse “que significa o 50% do custe”, xa que a hora de prestación que non ten o mesmo custe nunha cidade ou vila que nun concello rural coma o noso que, ademais, xestiona directamente o servizo.
O PP tamén se referiu nos rogos a que este ano o Concello non abriu a piscina aos baños libres durante as mañás -tal e como se solicitara en pleno antes do verán-, cuestión á que o alcalde respostou indicando que houbera sesións de ximnasia na auga e que, por outra banda, non sería factible compatibilizar os nados libres cos cursos que se imparten para a rapazada.
Por último, o PP preguntou polas previsións de execución da ampliación do local social da Golpilleira, en Santa Mariña. Sobre este tema, o alcalde respostou que a Xunta non concedeu a axuda que se lle solicitara para levar a cabo as obras pero que, porén, o Concello encargou un proxecto alternativo e “similar” que se fará con recursos propios.