O Concello pide facer un uso responsable da auga

0

O Concello de San Sadurniño vén de publicar un bando da Alcaldía no que fai un chamamento á veciñanza para extremar o coidado no consumo de auga. A decisión chega despois de que a Xunta declarase a prealerta por escaseza na unidade territorial de Ferrol, dentro da que se encontra o noso concello. A declaración afecta tamén a outros doce municipios da contorna e responde á evolución dos indicadores de dispoñibilidade de recursos hídricos. Aínda que a situación dos recursos no municipio se mantén estable, o Concello advirte do risco de empeoramento nas próximas semanas. As temperaturas elevadas e a falta de precipitacións dos últimos meses aconsellan anticiparse e reducir os consumos innecesarios. O bando recolle unha serie de recomendacións para aforrar auga no día a día e tamén compromisos específicos por parte da Administración local.

A Xunta comunicou onte a ampliación da prealerta á unidade territorial de Ferrol, que abrangue as concas do río Mera e as rías de Ortigueira e Cedeira. A medida foi adoptada pola Oficina Técnica da Seca despois de analizar os datos meteorolóxicos, a evolución dos caudais dos ríos e outros indicadores previstos no Plan especial da seca de Galicia-Costa. Os principais índices mantéñense en valores baixos e as previsións a curto prazo apuntan a un predominio anticiclónico e a un aumento das temperaturas.

A prealerta non implica neste momento restricións xerais no abastecemento de San Sadurniño, pero si un seguimento máis intenso da situación e a adopción de medidas para favorecer a conservación dos recursos dispoñibles. A Xunta sinala que neste escenario se recomenda aos concellos minimizar os consumos públicos non esenciais e promover entre a cidadanía un uso responsable da auga.

Nese contexto, o bando da alcaldía publicado esta mañá  recomenda limitar o baldeo de propiedades e vehículos, non encher piscinas e evitar deixar correr a mangueira durante o lavado ou a rega. Tamén pide optimizar a auga destinada aos animais, hortas e xardíns, realizando estas tarefas preferentemente pola noite ou a primeira hora da mañá para reducir as perdas por evaporación.

O bando inclúe outras medidas sinxelas relacionadas co consumo doméstico, como revisar posibles fugas, instalar dispositivos de aforro en billas, duchas e cisternas ou utilizar a lavadora e a lavalouzas cando estean completamente cheas. Tamén se recomenda pechar a billa durante accións como cepillar os dentes ou enxaboarse na ducha e aproveitar, sempre que sexa posible, a auga da choiva para usos non potables.

Pola súa banda, o Concello comprométese a minimizar os consumos municipais que non sexan esenciais, entre eles os baldeos que puideran facerse na vía pública ou a rega de zonas verdes. A Administración local tamén informará da evolución da situación e de calquera cambio que puidese facer necesario adoptar medidas adicionais. O bando entra en vigor desde a súa publicación no Taboleiro de Anuncios e na web municipal e manterase mentres as circunstancias o aconsellen.

A situación de prealerta esténdese actualmente a seis unidades territoriais de Galicia-Costa. Segundo os últimos datos facilitados pola Xunta, os encoros destinados ao abastecemento atópanse ao 58,18 % da súa capacidade, uns 11 puntos por debaixo do nivel rexistrado no mesmo momento do ano pasado.

Bando da alcaldía

Share.