O Concello de San Sadurniño acaba de formalizar a súa adhesión ao convenio subscrito entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para desenvolver durante 2026 o Programa Galego de Vixilancia e Control fronte á avespa asiática. A iniciativa permitirá reeditar un ano máis a coordinación entre administracións para a detección, seguimento e retirada de niños da Vespa velutina nigrithorax, co obxectivo de minimizar os efectos desta especie invasora sobre a produción apícola, á biodiversidade e á seguridade cidadá. A veciñanza que detecte un niño poderá comunicalo a través do teléfono 012, encargado de canalizar os avisos para activar o operativo de retirada e eliminación.
O Concello sumouse ao convenio mediante unha resolución da alcaldía onde se sinala que o Concello carece de medios propios suficientes para afrontar este tipo de actuacións, razón pola que se considera fundamental continuar sendo parte dun sistema coordinado que facilite unha resposta máis eficaz ante a presenza das avespas asiáticas. A decisión, da que se dará conta no próximo pleno, xa lle foi comunicada á Federación Galega de Municipios e Provincias para facer efectiva a adhesión.
O convenio Xunta-FEGAMP, subscrito o pasado 27 de abril, dá continuidade ao programa autonómico impulsado desde 2014 para minimizar a incidencia da velutina tanto na biodiversidade -principalmente sobre as abellas- como na seguridade da veciñanza. Nesta liña, a Administración autonómica encargarase da recepción e xestión de avisos a través dos teléfonos 012 e 112, da localización e retirada de niños activos e da actualización permanente da información mediante a plataforma dixital de control da Vespa velutina. O convenio establece ademais un prazo máximo de cinco días hábiles para resolver os avisos recibidos, salvo en casos de especial dificultade técnica ou de acceso.
A Xunta de Galicia asumirá, polo tanto, a coordinación xeral das actuacións e a organización dos servizos de eliminación e neutralización dos niños, mentres que os concellos adheridos colaborarán facilitando os traballos e difundindo entre a veciñanza información relativa ao programa de control. A FEGAMP actuará como entidade coordinadora entre as administracións locais e autonómica.
O programa acadou nos últimos anos unha implantación practicamente total en Galicia. Segundo recolle o convenio, desde 2024 están adheridos os 313 concellos galegos, unha cobertura que se manterá tamén durante 2026 co obxectivo de continuar reforzando a capacidade de resposta fronte ao avance desta especie invasora que até o momento foi imparable.