San Sadurniño acollerá un obradoiro de autocoidado para quen coidan de persoas con dano cerebral adquirido

0

O Concello de San Sadurniño e a ONG  Dano Cerebral Galicia, organizan o xoves 8 de outubro un Obradoiro de autocoidado para coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido. A actividade desenvolverase de 17:30 a 20:00h na Casa da Xuventude e está dirixida a persoas que estean coidando ou ao cargo doutras persoas con DCA. Máis de 35.000 persoas viven en Galicia afectadas polas secuelas de lesións cerebrais provocadas por ictus, accidentes ou enfermidades, e o número increméntase cada ano ata tal punto que o dano cerebral adquirido xa é a primeira causa de discapacidade na idade adulta. Neste sentido, a sesión ofrecerá ferramentas para comprender mellor esta realidade sobrevida e case sempre repentina que implica un cambio no modo de vida para quen ten o DCA, pero tamén para quen están ao seu arredor, que en todo caso deben afrontar o coidado sen descoidar o propio benestar. A inscrición, que é gratuíta, pode facerse até o 25 de setembro presencialmente no Concello ou no teléfono 981 490 027, extensión 1. As persoas participantes recibirán un certificado de superación emitido pola Escola Galega de Saúde para a Cidadanía.

Máis de 35.000 persoas viven en Galicia con dano cerebral adquirido (DCA), unha discapacidade que aparece como consecuencia dunha lesión cerebral sobrevida, principalmente por un ictus ou un traumatismo cranioencefálico. A cifra representa case o 1% da poboación galega e sitúa o DCA como a principal causa de discapacidade entre a poboación adulta. Ademais, cada ano prodúcense en Galicia arredor de 7.000 novos casos de ictus -a principal causa de dano cerebral adquirido- que producir secuelas con distintos graos de incidencia sobre as capacidades físicas, sensoriais, cognitivas, emocionais ou condutuais. Secuelas que nota principalmente quen as sofre, pero que tamén teñen un importante impacto na vida das familias e das persoas que as coidan.

Para proporcionarlle coñecementos e ferramentas a quen está ao cargo dunha persoa con DCA, o Concello de San Sadurniño e Dano Cerebral Galicia programaron a sesión titulada “Obradoiro de Autocoidado para Coidadoras de Persoas con DCA”, que vai dirixida especialmente ás persoas que coidan ou prestan apoio a alguén que se encontre nesta situación.

O programa comezará explicando que é o dano cerebral adquirido e cales son as súas principais causas. O DCA non é unha enfermidade concreta, senón a consecuencia dunha lesión nas estruturas cerebrais que aparece de maneira súbita nunha persoa que naceu sen dano cerebral. Ademais do ictus e dos traumatismos cranioencefálicos, pode ter a súa orixe en tumores, falla de osíxeno, enfermidades metabólicas ou infeccións.

Unha das características do DCA é precisamente a diversidade das súas consecuencias. Dependendo da zona do cerebro afectada, da intensidade da lesión e doutras circunstancias, poden aparecer problemas de mobilidade ou coordinación, alteracións sensoriais, dificultades de atención, memoria, linguaxe ou planificación, así como cambios emocionais e condutuais. Algunhas destas secuelas son visibles, mentres que outras son máis difíciles de identificar desde fóra e poden chegar a comprometer seriamente a autonomía e a relación coa contorna.

O segundo bloque do obradoiro servirá para diferenciar tres conceptos que adoitan confundirse: discapacidade, dependencia e incapacidade. A continuación abordarase o propio feito de coidar, poñendo o foco nas persoas coidadoras e nos diferentes tipos de coidados que poden asumir. Tamén se tratará a sobrecarga física e emocional, a importancia da corresponsabilidade e os dereitos das persoas que desempeñan labores de coidado.

A importancia de coidarse para poder coidar
A formación parte dunha idea sinxela pero fundamental: para coidar tamén é necesario coidarse. A atención continuada a unha persoa con DCA pode obrigar a reorganizar a vida familiar, asumir novas responsabilidades e afrontar situacións para as que non sempre se dispón de información ou preparación suficiente. Dano Cerebral Galicia sinala que a capacitación das persoas coidadoras contribúe tanto a reducir o desgaste físico e emocional asociado ao coidado como a mellorar a calidade da atención que recibe a persoa con dano cerebral.

O último apartado estará dedicado ao catálogo de recursos de atención, dando a coñecer as opcións e servizos aos que poden recorrer as persoas con DCA e as súas familias. Trátase dunha cuestión especialmente relevante porque a aparición do dano cerebral adoita supoñer un cambio brusco na vida da persoa afectada, de quen viven arredor dela e tamén do seu espazo vital. Cando remata a fase hospitalaria e a persoa regresa ao domicilio, a familia pode ter que asumir boa parte dos coidados e adaptar a vivenda e a organización cotiá ás novas necesidades.

A formación e a información son, por esta razón, unha parte importante da atención ao DCA. Dano Cerebral Galicia conta con programas específicos para capacitar familias e persoas coidadoras, tanto sobre as características e secuelas do dano cerebral como sobre as pautas para afrontar o coidado no domicilio. A entidade dispón tamén dun Caderno de autocoidado para coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido, elaborado precisamente como ferramenta de apoio para quen ten que reorganizar a súa vida tras a chegada do DCA á familia ou á convivencia.

En Galicia, ademais, o envellecemento da poboación e o aumento da supervivencia tras accidentes cerebrovasculares e outras lesións cerebrais contribuíron a incrementar o número de persoas que viven coas súas secuelas. Dano Cerebral Galicia considera o DCA a principal causa de discapacidade entre a poboación adulta e sinala que Galicia, xunto con Asturias e Murcia, presenta algunhas das taxas de prevalencia máis elevadas por cada 100.000 habitantes, segundo os datos da Enquisa de Discapacidade, Autonomía Persoal e Situacións de Dependencia (EDAD) de 2022 do INE.

Festa solidaria no Mesón A Granxa
En relación co dano cerebral adquirido tamén hai que recordar que este sábado 19 de setembro o Mesón A Granxa vai acoller, con motivo do seu 30º aniversario, a Festa solidaria por Candela, a surfeira local que hai uns meses sufriu un desafortunado accidente que a piques estivo de levala e que lle deixou importantes secuelas. Agora, co apoio do seu entorno, e grazas a un intenso programa de rehabilitación e unha grande determinación, Candela avanzou moito na súa recuperación.

A festa que se lle dedica este sábado tamén é en favor da Fundación ADCAI, que centra o seu traballo, precisamente, en axudarlles na súa rehabilitación a nenas e nenos de ata 14 anos que, coma ela, sufrisen algún tipo de dano cerebral adquirido.

As actividades comezarán ás 12:30h con música de Nuevo Plan, H&C e QB. Haberá racións de polbo, hamburguesas, salchichas e patacas fritidas. Ademais, a partir das 17:00h tamén se organiza unha Festa da Infancia -con espuma e chocolate con churros- na que hai que apuntarse chamando ao 637 135 746 (10€).

Con cada consumición que se faga durante o día, así como co xantar e coa participación na festa infantil estaremos facendo unha pequena doazón a ADCAI.

Share.