Os orzamentos municipais de 2026 do Concello de San Sadurniño quedaron aprobados inicialmente no pleno celebrado este xoves cos votos favorables do Grupo de Goberno e a abstención de PSOE e PP. As contas manteñen practicamente o mesmo volume económico que no exercicio anterior, 3,9 millóns de euros, e, segundo defendeu o executivo local, están marcadas pola “prudencia económica e o equilibrio financeiro”, apostando pola contención do gasto, o mantemento dos servizos públicos e a captación de financiamento doutras administracións, especialmente da Deputación da Coruña a través do POS+ e doutras achegas provinciais. Ademais desta cuestión, a orde do día tamén incluía outros asuntos que aprobaron por unanimidade e sen practicamente debate.
O documento orzamentario reserva as partidas máis importantes para persoal e para gastos correntes en bens e servizos, cunha atención especial ás políticas sociais, culturais e deportivas. O Goberno local destacou o esforzo realizado para soste-los servizos públicos de xestión directa, como o SAF ou os programas de igualdade e educación familiar, avanzando ademais a posibilidade de crear unha segunda praza de traballador ou traballadora social para mellorar a atención á veciñanza. Tamén se manteñen as axudas ao tecido asociativo, con preto de 190.000 euros destinados a convenios, subvencións e colaboracións con entidades culturais, deportivas e sociais do municipio.
A proposta sometida a votación tamén incorporou críticas ao actual modelo de financiamento local e á “insuficiente” implicación económica da Xunta de Galicia no sostemento de servizos básicos e de tipo social. Neste sentido, o Executivo municipal denuncia que os concellos levan anos asumindo o incremento dos custos enerxéticos e de funcionamento sen unha actualización real das achegas autonómicas, citando especialmente os casos dos servizos sociais e da Escola Infantil municipal. No capítulo de investimentos, o Concello prevé mobilizar máis de 612.000 euros, a maior parte procedentes de subvencións doutras administracións, aos que se sumarán posteriormente os fondos do POS+ AD2/2026 cando sexan confirmados.
O PSOE pronunciouse para anunciar a súa abstención, a mesma postura que adoptou o PP argumentando, principalmente, o incremento do gasto en persoal e gasto corrente. Unha posición esta última que o Goberno local rebateu precisando que as subas no persoal responden aos incrementos salariais previstos, tendo en conta que o Concello xestiona directamente os servizos, e que o gasto corrente tamén se incrementa pola actual situación xeralizada na suba de prezos, sobre todo dos combustibles e enerxía.
Así, o Orzamento Municipal de San Sadurniño -cifrado exactamente en 3.914.639,41 euros- quedou aprobado con carácter inicial. Agora publicarase no BOP a apertura do prazo de exposición pública e, de non haber alegacións, quedará aprobado automaticamente.
Outros asuntos do pleno
Alén deste tema principal, a sesión tamén abordou outras cuestións, como a aprobación do inventario de bens -que supera os 27 millóns de euros- gracias a un traballo desenvolvido pola Deputación da Coruña ou as correccións de erros tanto no convenio da recollida de envases lixeiros como na documentación presentada para solicitar o POS+ 2026 que, segundo aclarou o alcalde, non supón ningún retraso nos proxectos que ían incluídos na documentación. Ademais, o pleno tamén votou favorablemente o proxecto de rehabilitación da nave de obras, despois de que a Deputación -que financiará os traballos- solicitase pequenas modificacións na redacción. Todos estes asuntos saíron adiante por unanimidade.
Ao tratarse dunha sesión ordinaria tamén houbo parte final de preguntas. O PP preguntou cando poderían empezar a utilizar o local asignado aos grupos da oposición na Casa da Cultura. Unha pregunta á que o Goberno local respostou indicándolles que poderían facelo de inmediato. Tamén houbo unha alusión a un rogo efectuado na anterior sesión, cando o edil popular José Luís Hermida Prieto solicitou que a piscina municipal tamén abrise aos baños libres polas mañás. Sobre esta cuestión, o alcalde informou que a idea era coordinar co Técnico Municipal de Deportes -que ten o título de socorrista- a posibilidade de levar a cabo actividades polas mañás que, en principio, poderían ser compatibles cos baños libres.