San Sadurniño volverá converterse esta fin de semana nun espazo de creación e encontro arredor do audiovisual coa celebración do XI Chanfaina Lab, que terá lugar os días 4, 5 e 6 de setembro. Máis de vinte cineastas e colectivos participarán nunha nova edición deste encontro, que reúne persoas con diferentes traxectorias, idades, procedencias e formas de entender a creación audiovisual.Entre os e as cineastas participantes nesta edición están Bieito Beceiro, Iván Castiñeiras, Alejandro Castro, Iago Castro, Miguel A. Delgado, Xaime Fandiño, José Roberto Fernández, Alba Gallego, Pepe García e Isa Moreno, Kevin Lorenzo, Iago Lourido e Pablo Martínez, Carmen Méndez, Olga Osorio, Cruz Piñón, Gema Rodríguez, María José Serantes, Rebeca Tella e Abel Vega, xunto cos colectivos The Sungirls, Teño unha horta, Diáspora, A Rigueira, MonteZ e Proxecto Amarte.
Durante a fin de semana, as persoas participantes desenvolverán as súas propias propostas audiovisuais dentro dos límites municipais. Como en cada edición, o Chanfaina Lab non establece un tema nin unha fórmula creativa única, senón que parte da liberdade para que cada cineasta atope a súa maneira de mirar e contar o territorio.
Todas e todos irán chegando ao longo da mañá deste venres 4 de setembro. A primeira cita terana a iso das 12:30h no acto de benvida que terá lugar na Casa do Concello, seguida dun pequeno percorrido polo pazo municipal e polos xardíns camiño do arboreto da Cortiña, onde se amadriñará unha árbore en recordo da presente edición.
Pola tarde, tralo xantar, o grupo de participantes visitará as escolas de Ferreira, promovidas a principios do século XX pola emigración na Arxentina e o Uruguai. Será nese momento cando se tire a foto oficial deste Chanfaina lab e, deseguido, regresarase a San Sadurniño para a Eira de Cineastas, primeira actividade aberta ao público do encontro.
A Eira comezará a iso das 19:00h na Casa da Cultura. Nela, as creadoras e creadores irán presentándose e dándo unhas pinceladas da súa traxectoria, antes de mostraren pezas representativas do seu estilo. Serán unha vintena de obras, entre filmes, teasers, trailers e fragmentos, cunha duración total de 83 minutos. O programa inclúe Guión curta, de Bieito Beceiro; Senza fine (teaser), de Iván Castiñeiras; San Simón (trailer), de Miguel A. Delgado; Interrail, de Diáspora; Centenario do Himno Galego 1907-2007, de Xaime Fandiño; Natureza galega. A auga doce, de José Roberto Fernández; O vídeo esquecido, de Alba Gallego; Persistencia do baleiro, de Pepe García e Isa Moreno; Mírame (fragmento), de Kevin Lorenzo; Solposto (fragmento), de Iago Lourido; A prisión dixital, de Pablo Martínez; Pura (fragmento), de Carmen Méndez; O refuxio (fragmento), de Monte Z; Einstein-Rosen, de Olga Osorio; A arte do silencio (fragmento), de Cruz Piñón; A derradeira, de A Rigueira Club; Ausencia (fragmento), de Gema Rodríguez; Gralla (trailer), de Rebeca Tella; Gripe aviar (fragmento), de Teño unha horta; Mariela (fragmento), de The Sungirls, e O ourizo (fragmento), de Abel Vega. A sesión terá entrada libre e gratuíta.
Xa ás 22:00h, a Praza Ramón Díaz Raña acollerá unha proxección ao aire libre de Sirat, o filme de Óliver Laxe estreado en 2025.
O sábado 5, o encontro continuará coa actividade de creación das persoas participantes e, ás 23:00h, o Café-Bar DZINE acollerá unha foliada, nunha noite destinada tamén á convivencia entre as persoas participantes e a veciñanza.
As escolas da emigración, protagonistas desta edición
A relación entre audiovisual, territorio e memoria estará tamén presente nas dúas exposicións fotográficas que poderán visitarse do 4 ao 30 de setembro. O local social A Seara de Ferreira acollerá Fálame de Ferreira. As escolas da emigración, unha mostra centrada nas escolas da Leiriña e da Seara e na historia da emigración da parroquia. Pola súa banda, a Casa da Cultura encherá o seu recibidor coa exposición Chanfaina lab, un percorrido pola historia do encontro e polas diferentes edicións celebradas desde 2014.
As Escolas da Emigración de Ferreira son tamén o motivo central da identidade gráfica da XI edición. O cartel, deseñado pola artista ferrolá Irene Ávila Carreira, toma como referencia estes dous edificios construídos grazas ás achegas das comunidades emigradas en Montevideo e Bos Aires.
A elección deste patrimonio enlaza coa filosofía do Chanfaina lab, que cada ano convida a mirar San Sadurniño desde perspectivas diferentes e a descubrir novas historias nos seus lugares, nas súas xentes e na súa memoria.
A programación do XI Chanfaina Lab está aberta a toda a veciñanza e as actividades da fin de semana son gratuítas. O encontro de cineastas está organizado polo Concello de San Sadurniño e conta co apoio do Xeoparque Cabo Ortegal e da Deputación da Coruña.