O XXXII Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño deixou onte no campo da Veiga, en Naraío, un derbi local emocionante e cun final inesperado, no que o CF de San Sadurniño remontou nos últimos minutos un 3-1 da UDC Narahío para acabar levando o trofeo nos penaltis. A tarde veu con boa temperatura e cunha boa entrada de público que desfrutou desta cita xa clásica da pretemporada futbolística comarcal.
No deportivo, o partido desenvolveuse sen incidencias e no ambiente de intensa rivalidade que caracteriza historicamente os derbis locais. Os locais chegaron aos últimos minutos cunha vantaxe de 3-1 que parecía poñer o trofeo en mans do Narahío. Porén, cando apenas quedaban tres minutos para o remate do encontro, o CF San Sadurniño reaccionou e foi capaz de igualar o marcador cunha remontada exprés que levou o partido ata os penaltis.
Na quenda desde os once metros, o Sansa tivo máis acerto e acabou impoñéndose para facerse co trofeo. Unha vitoria especialmente significativa para o equipo laranxa por ser o feudo do seu eterno rival. Ademais, esta seguramente sexa a única oportunidade de gozar dun derbi esta temporada, xa que o CF San Sadurniño acaba de subir a Primeira Futgal mentres que o Narahío seguirá militando na categoría inmediatamente inferior.