O Concello de San Sadurniño celebrará este xoves, último do mes de setembro, unha nova sesión ordinaria do pleno, convocado para as 19:30h. Entre os asuntos que se someterán a debate e votación destaca a desafectación da parcela que ocupaba o antigo centro de inseminación de Chao de Ferreira, para pasar a ter a consideración de ben patrimonial e deixar así de estar suxeita ao uso público. Ademais tamén se tratará a aprobación inicial da modificación puntual das Normas Subsidiarias de planeamento no núcleo rural da Bañoca, en Bardaos, co obxectivo de axeitar a actual delimitación urbanística á realidade. Na sesión, por último, votarase a actualización da ordenanza que regula a taxa do servizo de comedor da Escola Infantil Municipal. Dado que se trata dun pleno ordinario tamén haberá apartado para os rogos e as preguntas.
No que respecta ao terreo de Chao de Ferreira, cunha superficie duns 14 metros cadrados, o Concello propón alterar a súa cualificación xurídica para que deixe de ter carácter de dominio público e pase a integrarse no patrimonio municipal como parcela sobrante. A proposta conta co respaldo do informe técnico municipal que xustifica esta actuación. Unha vez aprobada inicialmente, o expediente quedará exposto ao público durante un mes, mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica do Concello, período no que a veciñanza interesada, así como as propiedade dos terreos lindeiros, poderán examinalo e presentar as alegacións que consideren oportunas.
O segundo gran punto da sesión é a modificación puntual das Normas Subsidiarias no núcleo rural da Bañoca, na parroquia de Bardaos. O obxectivo desta actuación, promovida por veciñas e veciños, é axustar os límites do núcleo á realidade actual do territorio, diferenciando entre a zona de asentamento tradicional e a de edificación máis recente, e excluíndo da delimitación a contorna do rego da Bañoca para reforzar a súa protección ambiental.
O documento chega ao Pleno despois de superar o trámite de avaliación ambiental estratéxica, cos informes favorables tanto da Dirección Xeral de Urbanismo como do Instituto de Estudos do Territorio, que non aprecian impacto paisaxístico significativo na proposta. De aprobarse inicialmente, abrirase un novo período de información pública de dous meses antes de que o expediente poida seguir o seu trámite cara á aprobación definitiva.
Por último, o Pleno tratará a modificación da ordenanza fiscal que regula a taxa do servizo de comedor da Escola Infantil Municipal. O Concello xustifica a tramitación desta actualización na necesidade de telo resolto canto antes, xa que o curso escolar comezou hai varias semanas e é preciso que os novos importes poidan aplicarse coa maior brevidade posible. Tras a súa aprobación, o acordo exporase ao público durante trinta días para que as familias interesadas poidan presentar alegacións, entendéndose definitivamente aprobado se non se rexistran reclamacións.