O Concello de San Sadurniño e o Club MTB Biela e Chaveta renovaron este xoves o convenio anual de colaboración para apoiar a organización de distintas actividades relacionadas co ciclismo durante este ano. O acordo, asinado polo alcalde, Secundino García Casal, e polo presidente do club, José Manuel Barro López, en presenza doutros representantes do club e do titular da área de Deportes, Manel Martínez, contempla unha achega municipal de 2.000 euros e reforza unha relación de cooperación que vén manténdose nos últimos anos por medio do desenvolvemento de ditas como a ruta ciclista en familia, a colaboración na carreira popular, a organización da grande ruta e trail do mes de xuño ou a próxima cita destacada, a IV Cronoescalada Sanrockeira, prevista para o venres que vén, 7 de agosto, que ten de prazo de inscrición até o martes a través de emesports.es.
O convenio subscrito onte á tardiña ten como finalidade establecer un marco de colaboración entre ambas entidades para fomentar a práctica deportiva, promover hábitos de vida saudables e dinamizar o territorio a través de actividades relacionadas coa bicicleta e o exercicio ao aire libre.
A achega económica, con cargo ao orzamento municipal de 2026, servirá para colaborar no financiamento das distintas actividades organizadas polo Club MTB Biela e Chaveta no termo municipal. Entre elas figuran a ruta cicloturista en familia, a proba multideportiva Entre corredoiras, toxos e xestas, a I Ruta dos Castelos, a IV Cronoescalada Sanrockeira, a ruta nocturna en BTT e a colaboración coa carreira popular, onde o equipo vai abrindo e pechando as distintas probas.
Biela e Chaveta comprométese a desenvolver todo este programa de actividades -nos que, ademais, tamén conta con axuda loxística do Concello- e a dar visibilidade á colaboración municipal en toda a súa comunicación e material divulgativo. O convenio establece, a maiores, o uso da lingua galega nas comunicacións da entidade, a promoción da igualdade e da inclusión e a adhesión ás campañas municipais relacionadas coa igualdade e coa prevención da violencia de xénero. Ademais, a entidade deberá incorporar a imaxe do Concello e do Xeoparque do Cabo Ortegal na publicidade das actividades.
O pagamento da subvención realizarase unha vez presentada a correspondente xustificación económica e técnica, que deberá incluír unha memoria das actividades desenvolvidas, a relación de gastos e facturas, os xustificantes de pagamento e a acreditación do cumprimento das obrigas recollidas no convenio. O prazo para presentar esta documentación rematará o 30 de novembro de 2026.
Últimos días para apuntarse na IV Cronoescalada Sanrockeira
Precisamente unha das actividades incluídas no convenio é a IV Cronoescalada Sanrockeira, que se disputará o venres 7 de agosto sobre o esixente percorrido que une o campo da festa de Naraío co lugar de Quintiá. A proba, xa consolidada no calendario deportivo comarcal, mantén un trazado de 3,2 quilómetros cun desnivel positivo de 468 metros, concentrado maioritariamente no último quilómetro.
A principal novidade desta edición será a incorporación dunha subida a pé, que compartirá o mesmo percorrido da modalidade ciclista e permitirá a participación de persoas afeitas ás probas de resistencia. Con esta nova categoría amplíanse as posibilidades dunha competición caracterizada pola súa elevada esixencia física e polo atractivo do seu percorrido.
A saída da carreira a pé está prevista para as 17:30 horas, mentres que as bicicletas comezarán a tomar a saída ás 18:00 horas en formato de contrarreloxo individual, cun participante cada minuto.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata este martes 4 de agosto ás 14:00h a través da plataforma emesports.es, onde tamén pode consultarse toda a información relativa ás distintas categorías, abertas a participantes a partir dos 17 anos. O prezo da inscrición é de 5 euros por disciplina e o límite establecido pola organización é de 100 participantes na modalidade ciclista e outros 100 na subida a pé.
A IV Cronoescalada Sanrockeira forma parte do programa Sansa en Rodas, organizado conxuntamente polo Club MTB Biela e Chaveta e o Concello de San Sadurniño para fomentar a práctica deportiva e dar a coñecer o territorio sobre dúas rodas. O calendario completarase despois do verán cunha saída nocturna en bicicleta de montaña polos montes do municipio, prevista para o venres 2 de outubro.