O Concello pon en marcha o servizo de conciliación “Bos días” para a rapazada máis madrugadora do CPI

0

O Concello de San Sadurniño porá en marcha este curso o servizo de conciliación “Bos días”, pensado para as familias que necesitan deixar as súas nenas e nenos no CPI antes do horario habitual de entrada. O servizo funcionará con monitorado especializado de luns a venres de 07:50 a 09:20h no patio cuberto do colexio público e no comedor. Durante ese tempo, a rapazada poderá participar en xogos e actividades lúdicas e educativas, ademais de dispoñer de tempo para almorzaren no caso de que non o fixesen antes de saír da casa. As familias interesadas poderán solicitar a inscrición  ata o luns 21 de setembro. O servizo, que está cofinanciado polo Concello, prestarase por un prezo de 25€ mensuais.

O “Bos días” nace a partir das necesidades trasladadas ao Concello pola ANPA do centro de ensino. Nos últimos meses mantivéronse varios encontros nos que a asociación de nais e pais expuxo a situación de varias familias que, por razóns laborais ou por outras circunstancias, precisan contar cunha alternativa para deixar as crianzas no colexio antes do comezo das clases.

O Goberno local estudou a proposta e decidiu cofinanciar a prestación do servizo para facer posible a súa posta en marcha. Desta maneira, o custe que terán que asumir directamente as familias usuarias será de 25 euros mensuais. “Tivo moito peso a solicitude da ANPA do colexio, xa que a necesidade é real e, malia non tratarse dunha competencia municipal, hai que darlle unha resposta a moitas familias que non teñen opción de conciliar de ningunha maneira”, explica o alcalde, Secundino García Casal.

O servizo ofrecerá un espazo de acollemento antes da entrada nas aulas, cunha programación adaptada ás idades da rapazada. Ademais dos xogos e outras propostas de carácter lúdico e educativo, as nenas e nenos que non o fixesen tamén poderán almorzar o que traian da casa antes de comezar a xornada lectiva.

As familias que queiran utilizar o servizo poderán presentar a solicitude ata o luns 21 de setembro, incluído. O formulario pode rexistrarse presencialmente no Concello, debidamente cuberto, ou ben tramitarse a través da Sede Electrónica municipal, neste caso mediante unha solicitude xenérica á que se lle deberá engadir como documentación adxunta o formulario de inscrición debidamente cuberto. O prezo establecido para esta temporada será de 25 euros mensuais (no formulario vai un campo para a domiciliación do pagamento).

O Concello considera, con todo, que este tipo de medidas deberían formar parte dos servizos vinculados ao propio sistema educativo. Neste sentido, o Goberno local sinala como máis desexable que o servizo “estivese ofrecido pola Xunta de Galicia”, ao entender que a hora e media de conciliación “tamén é tempo educativo” que debería estar integrado no horario e nos servizos dos centros escolares.

A este respecto, a posta en marcha do “Bos días” serviulle tamén ao Goberno local para poñer sobre a mesa unha cuestión moito máis ampla que ten como pano de fondo as eivas dun sistema laboral que non facilita a conciliación: “o feito de que moitas familias teñan que recorrer a este tipo de recursos está directamente relacionado cunha realidade laboral que non é especialmente propicia para a conciliación, nin tampouco para que as familias teñan un tempo compartido de calidade e moi necesario durante o día. Ademais, as nenas e nenos xa madrugan abondo, para canto máis ter que erguerse aínda máis cedo para adaptarse aos horarios de traballo das persoas adultas. Non debería ser así nin para a rapazada nin para as nais e pais. Temos que dar o debate sobre esta cuestión”, recalca Raquel Piñeiro López, concelleira de Participación veciñal.

Formulario de solicitude (.pdf editable)

 

Share.