San Sadurniño Enerxía xa ten forma xurídica. A nova asociación, promovida nos últimos meses polo Concello, constituíuse formalmente na tarde do venres coa sinatura da acta fundacional e a aprobación dos estatutos. O acto supón o punto de partida para un proxecto que busca crear no municipio unha comunidade de autoprodución de electricidade a partir de fontes renovables, pero que nace tamén coa intención de impulsar compras colectivas de enerxía, medidas de aforro e eficiencia e outras iniciativas relacionadas coa transición enerxética. O Concello formará parte da entidade como unha asociada máis e participará, en pé de igualdade co resto, nas decisións que se adopten. O proxecto conta con espazo web para ir informando dos seguintes pasos.
A sesión constitutiva, celebrada na tarde do venres, deu continuidade á asemblea aberta que tivera lugar o 13 de agosto na Casa da Cultura, na que se presentou o proxecto, se deron a coñecer os estatutos e se avanzou na composición da futura Xunta Directiva. Na reunión do venres aprobouse por unanimidade a constitución de San Sadurniño Enerxía como asociación sen ánimo de lucro e os estatutos polos que se rexerá, ademais de fixar o seu domicilio social no Centro Municipal de Empresas de San Sadurniño.
A primeira Xunta Directiva, encargada da fundación do colectivo, está presidida por Regina Cinza Novo, acompañada de Ignacio Couce Aneiros na vicepresidencia, Patricia Lamas Fernández na secretaría, Darío Rodríguez Leal na tesouraría e Miguel Teixido Sotelo como vogal. Será este órgano o encargado de poñer en marcha a entidade durante os próximos meses, realizando os trámites necesarios para a súa inscrición no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, a obtención do CIF e a formalización doutras cuestións administrativas.
Unha vez completada esta fase, o obxectivo será convocar a primeira asemblea xeral e fomentar que se sumen ao proxecto máis persoas interesadas. A propia acta fundacional acorda iniciar xa o proceso de incorporación de novas socias e socios a través do formulario habilitado na web da entidade. Deste xeito, San Sadurniño Enerxía nace cunha vocación aberta e participativa, na que todas as persoas asociadas terán os mesmos dereitos e obrigas e un voto nas decisións da asemblea, con independencia da súa participación económica no futuro despregamento das instalacións solares.
Entre os fins recollidos nos estatutos figura expresamente o exercicio como comunidade de enerxía renovable e o impulso do autoconsumo mediante a produción local de electricidade a partir de fontes renovables. O proxecto contempla a creación dunha instalación de autoconsumo colectivo, para a que xa existe un estudo previo de implantación e na que está previsto aproveitar, no futuro, cubertas ou espazos de titularidade municipal para a colocación dos paneis fotovoltaicos.
O alcalde, Secundino García Casal, salienta as “posibilidades” que ofrece a nova entidade, tanto para avanzar na produción e consumo de enerxía renovable no propio municipio como para explorar fórmulas de colaboración e negociación colectiva que permitan reducir os custos enerxéticos das persoas asociadas. “Estamos diante dun proxecto que pode ir medrando pouco a pouco e abrir camiños para facer cousas que individualmente serían moito máis difíciles”, apunta.
Mais a produción de electricidade é só unha parte dun proxecto que pretende ter un alcance máis amplo. Os estatutos contemplan a posta en marcha de iniciativas de compra agrupada de servizos enerxéticos e subministracións relacionadas coa enerxía, o que permitirá explorar fórmulas de negociación colectiva coas comercializadoras para procurar condicións máis vantaxosas e reducir o custo da factura eléctrica e incluso doutros combustibles. Tamén se inclúen entre os obxectivos o fomento do aforro e da eficiencia enerxética, a loita contra a pobreza enerxética, a promoción de novos modelos de consumo e a realización de estudos e propostas de mellora neste ámbito.
San Sadurniño Enerxía pretende, ademais, funcionar como un espazo de participación cidadá arredor da enerxía e favorecer a colaboración con outras comunidades enerxéticas, entidades e Administracións. A formación e sensibilización da veciñanza, a innovación, a dixitalización, a cooperación e o desenvolvemento de novas iniciativas vinculadas á sustentabilidade forman tamén parte dos fins da asociación. Os estatutos establecen que calquera beneficio obtido polas actividades desenvolvidas deberá destinarse exclusivamente ao cumprimento destes obxectivos e non poderá repartirse entre as persoas asociadas.
O Concello de San Sadurniño, que impulsou o proceso mediante as diferentes xuntanzas informativas celebradas desde o ano pasado e proporcionando o acompañamento técnico, intégrase así na nova entidade como un membro máis. Aínda que serán instalacións municipais as que previsiblemente acollerán parte da futura infraestrutura fotovoltaica, o Concello non terá unha posición diferente á do resto das persoas e entidades asociadas á hora de decidir que actuacións se emprenden. A intención é que as decisións sobre o futuro da comunidade enerxética sexan tomadas colectivamente e baixo criterios de participación, transparencia e beneficio para a veciñanza.
As persoas interesadas en coñecer con máis detalle o proxecto, consultar a documentación e informarse sobre como formar parte de San Sadurniño Enerxía poden facelo a través da web da asociación, onde tamén está dispoñible o formulario de incorporación. A asociación dá así os seus primeiros pasos cunha meta ambiciosa: producir parte da enerxía que se consome no propio municipio, reducir custos e avanzar cara a un modelo enerxético máis participado e sostible.
![]()