Igrexafeita celebra o Biscordel, unha festa con moita historia e moitas historias

0

Nuns días entrará o outono e aínda que non o soubésemos polo calendario habíamos sabelo porque esta fin de semana Igrexafeita celebra o Biscordel, festa parroquial que lle pon o ramo á temporada estival. A comisión preparou un programa que ten como fito máis destacado a actuación da orquestra Los Satélites na noite do sábado, ademais das cumpridas funcións de mediodía que aínda nos evocan o pasado dunhas festas patronais que ata non hai moitos anos eran das máis concorridas da volta. Unhas festas de grande tradición sobre as que a prensa de finais do século XIX e empezos do século XX nos deixou unha boa presada de noticias e breves crónicas, todas elas riquísimas por como describían o ambiente e sorprendentes nalgúns casos polo que nos contan.

Antes de repasar o que eran aqueles Biscordeles de hai cento e pico anos -ou “Viscordeles”, que tamén aparece o nome con V- o que toca é falar do programa que nos ocupa, o do Biscordel de 2026.

A festa arranca na mañá deste sábado coas alboradas que interpretará, como pasaba daquela, un cuarteto instrumental. A tarefa encomendóuselle, de novo, aos Berros do Castro, que teñen en Igrexafeita o seu principal feudo musical desde hai máis de trinta anos percorrendo todos os recunchos da parroquia en todo medio de transporte habido e por haber: tractor, na camioneta dos “Vegas”, en Land-Rover, no remolque de Manuel e Ameneiro…

Os Berros terán por diante varias horas de pezas cun ollo posto no reloxo para estaren ao mediodía no adro da Igrexa, co obxectivo de acompañar a procesión de final dunha misa que comezará a iso das 13:30h.

Tralos oficios relixiosos, no campo da festa terá lugar a sesión vermú animada polo grupo Antha, que repetirá pola noite compartindo verbena coa orquestra Los Satélites, unha das máis xenuínas polo seu repertorio e tamén das máis veteranas, con case 90 anos de historia.

O domingo a misa comezará ás 13:45h e tamén irá seguida dunha procesión que adoita contar con máis asistencia que a do sábado. Tralo “fuegho”, a orquestra Magos ofrecerá unha sesión vermú longa -pola noite non haberá festa- na que tamén haberá a vender racións de polbo para comer entre baile e baile ou para levar para a casa.

O Biscordel de antano
As festas xa non son o que foron. Cambiaron os tempos, mudou a sociedade e con ela o xeito de honrar o patrón ou patroa, que só conserva as datas, a estrutura alboradas-misa-función-verbena e nalgúns sitios nin iso. O devir do tempo trouxo, para mal, a perda de moitos elementos que perviviron séculos e, en cambio, tamén supuxo unha evolución para ben en termos de seguridade e tranquilidade. E é que as celebracións de hoxe son, a pesar da estouraría das grandes orquestras, moitísimo máis pacíficas que antano.

O Biscordel é un bo exemplo. Décadas atrás era unha festa multitudinaria que atraía a centos de persoas de toda a comarca, alfombrando os arredores da igrexa parroquial con merendadas e algarabía durante dous días, o primeiro dedicado á virxe do Biscordel e o segundo ao San Antonio de Padua.

Da alta concorrencia dá conta a hemeroteca. Unha simple busca do termo “Viscordel” ou “Biscordel” na Galiciana Dixital, a biblioteca dixital de Galicia, devólvenos máis de corenta documentos, entre referencias bibliográficas á santa, notas de prensa e citas literarias, como aquela do opúsculo teatral “Mal de moitos e trato a cegas” escrito en 1921 por Eugenio Charlón Arias e Manuel Sánchez Hermida. Como curiosidade incluso atopamos, en 1890, o nacemento en Ferrol dunha tal Emperatriz Guillermina Viscordel Perla Bastida.

Os xornais de finais do século XIX e empezos do XX confirman coa súa redacción ampulosa que o Biscordel era un grande evento comarcal no que se daban cita romeiras e romeiros de toda a volta para asistir a oficios con varios cregos e desfrutar dos cuartetos e bandas de música máis selectos, ademais de gozar dun xantar campestre ou dos que se servían “en la casa de los señores Soto y Hermida”.

Con todo, o Biscordel tamén garda unha historia truculenta de leas e pendencias que, que se saiba, nunca pasaron diso.

Especialmente convulsas deberon ser as festas parroquiais de 1896. El Correo Gallego do 24 de setembro recolle a detención dun veciño de Neda por ter roubado durante as festas na casa do seu curmán, Juan Pena Paz. Segundo recolle a crónica, o detido e autor confeso levou un traxe “de mezclilla azul oscuro”, dous lápices, unha caixiña de caoba e, o importante, 1.040 pesetas, que daquela eran moitísimos cartos (ao cambio, tendo en conta a devaluación da moeda, sería o equivalente a uns 3.000 euros en metálico).

Dous días despois, na edición do 26 de setembro de 1896, o xornal tamén se fai eco da trifulca entre un veciño de Moeche e outro de Igrexafeita, que se saldou co alcalde de barrio, José Ramos Picos, ferido na cara de dúas navalladas cando mediaba para separalos. A Garda Civil “que allí se hallaba para proteger el orden” detivo aos dous mozos, intervíndolle ao de Igrexafeita un revólver de cinco balas do calibre 12.

A Garda Civil debía ter choio naquel tempo,  quizais porque a festa tamén era punto de encontro, ás veces pactado previamente, para resolver polas bravas as desavinzas que unha ou máis persoas puidesen ter. E á hora de saldar débedas, daquela non andaban con bromas, como testemuña El Correo Gallego do 22 de setembro de 1899, onde se recolle a seguinte breve: “En la romería de Viscordel, en San Saturnino, le fue ocupado por la Guardia Civil al paisano Manuel Fernández Criado, un revólver de fuego central con el que trataba de agredir a un convecino suyo”.

E, unha máis, desta vez referida ao Biscordel de 1901, cando a prensa refire a intervención a dous veciños da parroquia de “un revólver Smith y dos cuchillos de grandes dimensiones”.

Detalles doutra época que, porén, non lle restan mérito a unha festa de renome e prestixio, segundo se desprende dos comentarios publicados no xornal de 1911. Daquela oficiáronlle misa á “Virgen de Viscordel o Nuestra Señora de los Corazones” un total de oito curas chegados de Doso, Naraío, Ferreira, San Sadurniño, Neda, Baltar e Pedroso, ademais do sacerdote titular, Daniel Iglesias Gradaílle, nun templo vestido no altar maior, o púlpito e o presbiterio con panos “de satén encarnado, regalo de una devota”.

Sobra dicir que, malia o que diga a hemeroteca, ao Biscordel pódese ir con total tranquilidade. Daquela eran outros tempos que hoxe, por sorte, xa non son.

Share.