Contra a velutina, moita precaución e chamada ao 012 se detectamos un niño

0

A presenza da avespa asiática (Vespa velutina nigrithorax) está a rexistrar este verán unha das maiores incidencias dos últimos anos. A situación é especialmente intensa en zonas como a nosa, próximas á costa, onde a actividade da praga se atopa en pleno apoxeo, mentres que nas áreas de montaña comeza agora a incrementarse. Desde a Casa do Mel, entidade que xestiona o colmear didáctico da Cortiña, advirten de que nesta época do ano o máis importante é actuar con prudencia para previr ataques, protexer as colmeas e comunicar a presenza de niños secundarios para a súa retirada, algo que debe facerse chamando ao 012 (ou ao 981 900 643 se se teñen restrinxidas as chamadas a números gratuítos).

“Este ano é tremendo. Veu unha primavera moi boa e a velutina desenvolveuse moito e agora estamos tendo unha presión tremenda”, explica Manuel Ferreira Rodríguez, presidente da Casa do Mel. Segundo sinala, en San Sadurniño e noutros concellos arredor levamos aproximadamente un mes cunha presenza moi alta desta especie invasora.

Un dos aspectos que máis preocupa este ano é a aparición de numerosos niños primarios no chan, unha circunstancia que aumenta o risco para as persoas que realizan traballos de limpeza ou desbroce e tamén para quen transita por camiños e zonas de monte. De feito, hai escasos días unha persoa recibiu varias picadas nun monte de Naraío que requirion acudir de urxencia ao Centro de Saúde debido a unha reacción alérxica.

Manuel Ferreira insiste en que o trampeo, moi recomendable na primavera para capturar raíñas fundadoras, ten agora unha eficacia moi limitada. “Agora non ten moito obxecto porque non vas eliminar un niño capturando obreiras”, resume. As trampas poden servir para reducir a presenza de exemplares arredor das vivendas, hortas ou xardíns, pero non son unha solución para frear a expansión da praga neste momento do ano.

A recomendación principal, polo tanto, é evitar achegarse aos niños e extremar as precaucións durante as tarefas agrícolas, forestais ou de mantemento da vexetación. No caso de detectar un niño secundario, debe comunicarse a súa localización chamando ao 012 (ou ao 981 900 643) para mobilizar medios de SEAGA, xa que o Concello de San Sadurniño está adherido ao convenio marco subscrito entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para a retirada deste tipo de niños.

No ámbito da apicultura -o sector máis afectado pola praga-, a presión da velutina obriga a reforzar as medidas de protección das colmeas. O presidente da Casa do Mel recomenda instalar arpas eléctricas, protexer as entradas das colmeas, retirar o mel canto antes e proporcionar alimentación suplementaria, especialmente con achegas de proteína que favoreza a cría de novas abellas de cara ao inverno. Ademais, considera fundamental aplicar o tratamento contra a varroa sen demora unha vez se extraia o mel.

Este ano a situación é  aínda máis complicada para as abellas porque á presión da avespa asiática hai que sumarlle a falta de recursos provocada pola seca. “Non só está influíndo a velutina, senón tamén a seca, de maneira que temos dous factores en contra”, apunta Ferreira.

O máis efectivo neste momento é, polo tanto,  combinar a prevención dos riscos para as persoas coa comunicación rápida dos niños secundarios e o reforzo das medidas de protección das colmeas. A eliminación dos niños detectados segue a ser a ferramenta máis útil para reducir as repercusións dunha praga que este verán nos está afectando con especial intensidade.

Share.