Trala proxección de Sirat a semana pasada no marco do Chanfaina lab, prosegue en San Sadurniño o ciclo de cine ao aire libre patrocinado por Cultura da Deputación da Coruña. Este venres á noitiña -21:00h- proxectarase o filme As neves, primeira longametraxe da realizadora Sonia Méndez. Un drama protagonizado por adolescentes que aproveita un suceso traumático para poñer o foco en como a rapazada enfronta esa situación. A proxección terá lugar na praza Ramón Díaz Raña e se chovese -algo pouco probable- trasladaríase á Casa da Cultura. Continúa así unh que nos anticipa un outono no que teremos máis cine en San Sadurniño
Os seguintes títulos aos que poderemos asistir nesta recta final do verán son +Cuñados, de Luis Avilés, o venres 18, e o documental Rapa. Xente ao monte, de Alejandro Enríquez, que se proxectará o venres 25 de setembro tamén ás 21:00h.
Porén, malia rematar o verán, o cine aínda continuará co Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración de Cultura da Deputación da Coruña. Trátase dun ciclo itinerante polas parroquias no que poderemos ver, durante outubro e novembro, títulos finalistas e ganadores da última edición dos premios do cine galego.
Así, o sábado 3 de outubro proxectarase na Casa da Cultura San Simón, de Miguel Ángel Delgado; o 17 de outubro tocaralle de novo a Sirat, de Óliver Laxe, no local social de Ferreira; o 24 de outubro chegará a Naraío o documental Ao son da nova regueifa, de Manolo Maseda e Saúl Rivas; o 31 de outubro proxectarase Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, en Santa Mariña do Monte; o 7 de novembro o ciclo levará a Igrexafeita Antes de nós, de Ángeles Huerta; o sábado 14 de novembro veremos O silencio herdado, de Lucía Dapena, en Lamas e, pechando o ciclo de novo na Casa da Cultura o día 28 de novembro proxectarase As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns.
Todos os pases do Ciclo Mestre Mateo comezarán ás 19:30h e son con entrada libre.
A premiada Lucía Iglesias impartirá un obradoiro de montaxe
En relación cos Mestre Mateo tamén cómpre lembrar que o Chanfaina lab ten programado para o venres 30 de outubro un interesante obradoiro de montaxe cinematográfica impartido por Lucía Iglesias Fuentes, premiada polo seu traballo en Antes de nós.
A clase maxistral de Iglesias estará centrada na montaxe como ferramenta narrativa e ofrecerase a xeito de guía para aquelas persoas que gravasen pezas dentro do Chanfaina, pero tamén a aquelas que queiran descubrir as técnicas básicas da linguaxe e da arte de crear discurso a partir dos cortes e as cadencias dos planos.
A sesión é gratuíta pero ten as prazas limitadas. Hai que inscribirse no 636 909 666 ou no 680 389 054.