A rapazada xoga e aprende na Aldea de Verán 2026

0

Corenta nenas e nenos participan este mes de xullo na Aldea de Verán, o campamento socioeducativo promovido pola área municipal de Igualdade do Concello de San Sadurniño para favorecer a conciliación das familias durante as vacacións escolares. Ao longo das mañás, a rapazada combina xogos, deporte, obradoiros creativos e actividades ao aire libre nun programa que este ano ten como fío condutor o medio ambiente. A través del descobren a riqueza natural do municipio mentres traballan valores como a igualdade, a corresponsabilidade, a autonomía persoal e a xestión das emocións. O campamento continuará durante o mes de agosto cun novo grupo de participantes integrado en boa medida por rapazada de xullo que repite.

A natureza e a contorna de San Sadurniño centran a maior parte das actividades desta edición. Segundo explica a monitora Cristina Martínez Vázquez, o obxectivo é que as nenas e nenos coñezan mellor o patrimonio natural máis próximo mediante propostas lúdicas e participativas. Nesta semana, por exemplo, a temática principal é a auga, arredor da que están a desenvolver distintos obradoiros e xogos.

Dentro desta programación inclúense tamén saídas ao exterior para observar de primeira man a fauna e a flora do municipio. Unha das visitas previstas para esta mañá é ao Arboreto de San Sadurniño, onde a rapazada poderá identificar algunhas das especies máis comúns da contorna e comprender a importancia da súa conservación. Ademais, durante estes días elaborarán un mosaico inspirado na auga e no seu papel esencial para a vida e os ecosistemas.

Alén destas actividades concretas, a Aldea de Verán tamén fai que a cativería se mova e faga moito exercicio. “Fútbol, brilé, xogos populares, baile tradicional… “, explica a monitoria ao respecto das dinámicas deseñadas para este ano -nas que, por certo, “non hai fútbol”- co obxectivo de que as nenas e enos gocen de experiencias variadas. “Intentamos abarcar todo o que podemos no pouco tempo que temos durante a mañá”, sinala Martínez.

A Aldea de Verán incide, ademais, en aspectos fundamentais que deben traballarse nas etapas iniciais da vida infantil para que cuallen como é debido. Así, a igualdade e a corresponsabilidade están presentes de maneira transversal en todas as actividades, fomentando hábitos de colaboración tanto entre iguais como no ámbito familiar. A monitora explica que desde o primeiro día se anima ás crianzas a asumir pequenas responsabilidades cotiás, como encargarse das súas pertenzas, co obxectivo de favorecer a súa autonomía.

Outro dos aspectos que se traballan de maneira continuada é a educación emocional. Cos distintos xogos e actividades que se lle propoñen cada día, o grupo vai interiorizando sen darse conta a maneira de identificar, expresar e xestionar as emocións, un proceso que se complementa co reforzo doutras competencias persoais como a responsabilidade, a autosuficiencia e a capacidade para resolver pequenas situacións do día a día.

Durante a quenda de xullo son 40  as nenas e nenas que aprenden e xogan na Aldea de Verán,  mentres que para agosto xa hai 24 inscricións confirmadas. Segundo destaca Cristina Martínez, en moitos casos trátase de rapazada que repite experiencia, unha circunstancia que pon de manifesto a boa acollida que ten esta iniciativa entre as familias.

A Aldea de Verán é o programa socioeducativo e de conciliación estival promovido polo Concello de San Sadurniño a través da área municipal de Igualdade, co apoio económico do Plan Corresponsables. Gracias a este programa do Ministerio de Igualdade, o Concello recibiu unha achega de 14.535 euros, financiados nun 75% con fondos finalistas do Estado e nun 25% pola Xunta de Galicia. Nesta edición, o servizo está coordinado pola empresa Servicios Deportivos de Galicia (SEDEGA), cun investimento total de 16.775 euros.

Share.