As “Xuntanzas na eira” volverán este outono ás parroquias de Naraío, Igrexafeita, Santa Mariña do Monte e Lamas cunha nova edición deste programa municipal de envellecemento activo e prevención da soidade non desexada. As sesións desenvolveranse todos os martes nos locais sociais das catro parroquias, aínda que non comezarán todas na mesma data. Naraío e Igrexafeita serán as primeiras en poñer en marcha a actividade, o 13 de outubro, mentres que en Santa Mariña do Monte e Lamas haberá que agardar ata o 3 de novembro. Para participar é necesario inscribirse previamente, cubrindo o formulario dispoñible no Concello ou neste enlace. As persoas que teñan calquera dificultade para facer o trámite tamén poden pasar polas oficinas municipais ou chamar aos Servizos Sociais: 981 490 027 (marcando o 1 tan pronto respondan).
A proposta está dirixida principalmente a persoas maiores de 60 anos e pretende ofrecer un espazo estable para manterse activas, aprender, compartir tempo con outras persoas e fortalecer as relacións veciñais. Neste sentido, nas sesións faranse exercicios de estimulación cognitiva e memoria con actividades creativas, xogos de aprendizaxe e dinámicas relacionadas co benestar emocional e a autoestima. A programación adaptarase aos intereses e ás necesidades de cada grupo, buscando que a actividade resulte útil pero tamén agradable e participativa.
Os encontros desenvolveranse os martes cun horario que quedou establecido do seguinte xeito: en Lamas de 10:00 a 11:30h e en Santa Mariña do Monte de 11:45 a 13:15h. Pola tarde, o grupo de Naraío reunirase de 15:45 a 17:15h e o de Igrexafeita de 17:30 a 19:00h. En Naraío e Igrexafeita a primeira xuntanza será o martes 13 de outubro. Pola súa banda, en Lamas e Santa Mariña do Monte o programa arrancará o 3 de novembro, unha vez remate a actividade de “Aloumiños” que aínda se está desenvolvendo nestas dúas parroquias con apoio da Xunta e do Colexio profesional de Educación Social de Galicia.
A inscrición nas “Xuntanzas na eira” pode facerse cubrindo o formulario que estará dispoñible no mostrador do Concello ou descargándoo desde esta ligazón. Unha vez cuberto, poderá presentarse presencialmente no propio Concello ou a través da Sede Electrónica.
As “Xuntanzas na eira”, que arrancaron hai agora un ano como continuación de outono-inverno dos “Aloumiños”, iniciarán deste xeito unha nova temporada coa intención de que as persoas maiores teñan ao longo do ano un punto de encontro onde poñer a traballar a mente con xogos e exercicios, onde conversar e, sobre todo, onde relacionarse.
O programa está financiado pola Deputación da Coruña a través da liña de subvencións a concellos e outras entidades locais para actividades de envellecemento activo e actuacións de loita contra a soidade non desexada durante 2026.