O programa “Sansa en rodas” que organizan conxuntamente o Concello de San Sadurniño e o club Biela e Chaveta está a piques de finalizar. O venres 2 de outubro vai desenvolverse a Ruta BTT nocturna que sairá ás 21:00h do CPI de San Sadurniño ofrecendo un percorrido relativamente asequible por pistas, camiños e corredoiras do concello. A diferenza doutros anos, nesta edición só hai 100 prazas para idades dos oito anos en diante, que se poderán reservar gratis ata as 14:00h do luns 28 de setembro a través deste formulario.
Máis en detalle, o trazado deseñado por Biela e Chaveta ten 19 quilómetros totais e un desnivel acumulado positivo de 432 metros, combinando distintos terreos. Igual que o resto de probas do calendario “Sansa en rodas”, esta tampouco vai ser competitiva e está concibida como un paseo que poderán completar sen maior dificultade practicamente calquera persoa que teña costume de andar na bici, aínda que por razóns organizativas están establecidos eses oito anos como idade mínima para participar.
A ruta sairá ás 21:00h do venres 2 de outubro desde a parte dianteira do CPI de San Sadurniño, que tamén é punto de remate da volta que se vai dar esa noite. Aínda que pode haber variacións de última hora, o pelotón baixará por Marqués de Figueroa, despois encamiñarase ao paseo fluvial e desde alí xa comezará a conectar pistas asfaltadas e camiños de monte que forman parte do entramado de percorridos deseñado, acondicionado e sinalizado por Biela e Chaveta en colaboración co Concello, dispoñible para as persoas amantes do ciclismo durante todo o ano.
Ademais da bicicleta, para participar na rolda nocturna será obrigatorio o uso de casco, luz dianteira e sinalización traseira. Tamén se recomenda levar móbil con batería e rodar preferentemente en grupo, xa que do que se trata é de pasalo ben sen demasiado apuro. Neste sentido, pola metade do camiño haberá avituallamento líquido e sólido -froita, zumes, galletas e algunha cousa máis-, que tamén cumprirá a función de volver pechar o acordeón de ciclistas.
As inscricións, que inclúen a cobertura dun seguro, son totalmente de balde e deberán facerse por medio desta ligazón de Google forms activada hai xa varias semanas. A rapazada de entre 8 e 12 anos deberá participar na compaña dunha persoa adulta.