A ximnasia na auga estréase con éxito no programa de verán da piscina

0

A idea do Concello de San Sadurniño de incorporar este verán unha actividade de ximnasia na auga á programación da piscina municipal dos Currás está sendo todo un éxito. Máis de trinta persoas participan dúas veces por semana nas sesións dirixidas polo técnico municipal de Deportes, David Guiñazú, quen destaca tanto a boa resposta da veciñanza como o bo ambiente que se alenta nas clases. A iniciativa, concibida inicialmente como unha experiencia piloto durante todo este mes de xullo, podería repetirse o ano que vén ampliándoa aos dous meses da tempada estival, visto o interese que espertou entre persoas de distintas idades.

A actividade botou a andar este mes con 34 persoas inscritas, na súa maioría mulleres, aínda que tamén participan homes, que cada martes e xoves se achegan á piscina municipal para realizar unha sesión de exercicio físico dentro do vaso. “Queremos que veñan pasalo ben e facer un pouco de exercicio, mover o corpo e manter a actividade durante o tempo de verán”, explica David Guiñazú, técnico deportivo do Concello e tamén socorrista titulado que se encarga de dirixir as clases.

Cada sesión dura arredor de 45 minutos, incluíndo o tempo necesario para entrar e aclimatarse á auga. O programa baséase en movementos doados e accesibles para todo o mundo, adaptados ás posibilidades de cadaquén. “Son exercicios moi sinxelos, todo o mundo pode facelos e, se algunha persoa ten algunha molestia nun traballo determinado, búscaselle outro exercicio que sexa acorde ao que ela poida facer”, sinala Guiñazú, incidindo no carácter inclusivo dunha proposta lanzada polo Concello para persoas a partir dos 16 anos e sen límite de idade.

Desde a área municipal de Deportes, que puxo en marcha a iniciativa como unha experiencia piloto sen saber cal sería a resposta da veciñanza, destácase a alta participación. “Ao principio non contabamos que viñese tanta xente porque era unha proposta nova e non sabiamos cal ía ser a afluencia. Finalmente tivemos un grupo moi bo”, comenta o técnico municipal. Pola súa banda, o concelleiro responsable, Manel Martínez Pérez mostrouse “moi satisfeito coa acollida que está a ter a actividade desde o primeiro día”.

Que a actividade ten tirón tamén o demostra o compromiso das persoas participantes. Nin sequera o ceo encapotado da mañá deste xoves, acompañado dalgunha pinga feble, foi motivo para faltar á cita. “Total, mollar xa nos imos mollar”, comentaba con humor unha das asistentes antes de comezar a sesión.

A ximnasia na auga é unha modalidade de exercicio especialmente recomendable para mellorar a mobilidade, a forza, a coordinación e a capacidade cardiovascular, minimizando ao mesmo tempo a carga que deben soportar as articulacións. A flotabilidade facilita os movementos e reduce o peso sobre os xeonllos e os cadrís, permitindo que persoas con distinta condición física poidan exercitarse con maior comodidade e sen risco de sobrecargas musculares e articulares.

Estas vantaxes convértena nunha actividade beneficiosa a calquera idade, aínda que resulta especialmente axeitada para as persoas maiores, ás que lles permite manter o equilibrio con máis facilidade grazas ao apoio que ofrece a auga. As sesións desenvólvense sempre na zona menos fonda da piscina, onde se fai pé en todo momento, baixo a supervisión do técnico municipal de Deportes.

Á vista da resposta obtida, o Concello xa pensa na próxima tempada. A actividade está programada este ano unicamente durante os martes e xoves do mes de xullo, ata o día 30, pero a intención é que poida converterse nunha proposta fixa durante os dous meses do verán. “Este ano valeunos para confirmar que a ximnasia na auga ten demanda e que ademais funciona moi ben. Para o ano veremos a viabilidade de ofertala durante os dous meses do verán”, conclúe o concelleiro de Deportes.

Share.