A Escola Infantil Municipal A Rolada prepárase para iniciar este venres, 4 de setembro, un novo curso marcado pola incorporación de novas crianzas e polo reencontro co alumnado que xa formaba parte da escola o ano pasado. En total, A Rolada comezará a actividade con 24 nenas e nenos, 14 deles na aula de dous a tres anos e outros 10 na unidade agrupada de cero a dous anos. Antes de que bote a andar o curso, as familias están convocadas para este mércores, día 2, ás 19:00 horas na Casa do Concello, onde manterán un encontro co equipo docente. A reunión servirá para presentar o proxecto educativo da escola, explicar como se desenvolverá o curso e resolver as cuestións que poidan xurdir antes do inicio da súa actividade.
Ao día seguinte, xoves 3, celebraranse os encontros individuais con cada familia. Estas reunións permitirán ao equipo da EIM coñecer de primeira man aqueles detalles sobre cada nena ou neno que poidan resultar relevantes para ofrecer unha atención o máis personalizada posible, sempre dentro da dinámica e da marcha global de cada aula.
O venres 4 comezará o período de adaptación, coincidindo co primeiro día de curso e tamén coa primeira experiencia na escola para algunhas das crianzas que non estiveron na EIM A Rolada durante o curso pasado. A primeira xornada desenvolverase de maneira gradual, cunha estadía de tempo reducido coa finalidade principal de que as nenas e nenos poidan explorar o espazo, familiarizarse co entorno e comezar a establecer vínculos co resto do alumnado e coas mestras.
A partir do luns 7, os tempos de permanencia na escola irán aumentando progresivamente. Desde A Rolada apuntan que, salvo algún caso puntual, a previsión é que todas as crianzas estean integradas con total normalidade na dinámica diaria en aproximadamente unha semana ou incluso menos, tendo en conta ademais que a maior parte do alumnado xa se coñece do curso pasado.
O curso arranca co agrupamento das unidades de 0 a 1 e de 1 a 2 anos
Das 24 prazas ocupadas no inicio do curso, 14 corresponden á aula de dous a tres anos e 10 á unha unidade agrupada de cero a dous anos. Nesta última hai actualmente un único bebé de escasos meses e nove nenas e nenos de entre un e dous anos. A configuración desta unidade podería cambiar ao longo do curso. No caso de que nos próximos meses se produzan novas matrículas, existe a posibilidade de que o grupo volva desdobrarse nas dúas unidades correspondentes, adaptando así a organización da escola á evolución da demanda.
Por outra banda, desde a Escola Infantil Municipal A Rolada informan de que o servizo de comedor comezará a funcionar o mércores 16 de setembro.