A Horta de Conservación de Froiteiras Autóctonas Carlos Fornos e o colmear didáctico da Cortiña vivirán este venres unha tarde de portas abertas para dar a coñecer os espazos nos que desenvolven a súa actividade a AGFA do Eume e a Casa do Mel. A xornada, que comezará ás 17:30h e para a que non fai falla inscrición previa, ofrecerá unha visita guiada polo espazo, ademais de degustacións de produtos elaborados a partir das colleitas da propia horta e unha cata de diferentes meles artesanais. A actividade pretende atraer novas persoas cara a AGFA e a Casa do Mel e, ao mesmo tempo, mostrar os novos equipamentos incorporados á Cortiña e aos xardíns municipais nos últimos meses, ao abeiro dun grande proxecto cifrado en 375.000 euros con financiamento dos fondos NextGenerationEU da Transición Xusta. Un ivestimento ao que se lle están dando os últimos retoques e que vén ampliar as posibilidades dos espazos verdes da zona para a divulgación, a formación, o lecer e a acollida de visitantes.
A xornada de portas abertas deste venres comezará na Horta Carlos Fornos, onde se explicará o traballo de conservación das variedades autóctonas de froiteiras e de mantemento da finca que desenvolve a AGFA do Eume como xestora do espazo. Será tamén unha oportunidade para coñecer o novo almacén refrixerado que se instalou no recinto, consistente nun colector mariño debidamente acondicionado para conservar durante máis tempo a froita colleitada na horta, grazas a un sistema que se abastece principalmente de enerxía solar.
O percorrido continuará cara á zona do colmear didáctico, xestionado pola Casa do Mel. Alí presentarase a nova cabana de usos múltiples, concibida para acoller actividades formativas e de lecer relacionadas coa apicultura e a natureza. A construción terá tamén un uso singular como espazo de apiterapia, no que será posible experimentar as vibracións das abellas e o ambiente creado pola proximidade das colmeas, cos aromas característicos do mel, da cera e do pole.
Ao rematar o percorrido, ofrecerase cata guiada de zume, compota e marmelada artesanal elaborados no centro de transformación A Fusquenlla -outra das iniciativas promovidas polo Concello de San Sadurniño- exclusivamente con mazás autóctonas recollidas neste espazo, ademais de degustar diferentes tipos de mel artesanal da Casa do Mel.
A xornada de portas abertas pretende mostrarlle á veciñanza o traballo que fan a entidade apícola e a asociación da froita, como xeito de poñer en valor o espazo que xestionan e de atraer máis persoas socias ou colaboradoras. O Concello súmase á xornada co mesmo obxectivo, pero tamén co de dar a coñecer a transformación á que foi sometida a zona nos últimos meses.
E é que as melloras do equipamento do recinto froiteiro e apícola non foron as únicas que se levaron a cabo na Cortiña e, de feito, a xornada do venres, que comezará ás 17:30h, será tamén unha inauguración oficiosa de varias actuacións executadas con cargo ao grande proxecto de mellora paisaxística emprendido pola Administración local con financiamento do Ministerio de Transición ecolóxica e Reto Demográfico.
Tanto na horta como no Arboreto da beira do Xubia, a intervención ambiental serviu para botar un novo firme en todos os sendeiros interiores que comunican as distintas formacións boscosas e a Fraga Máxica, onde tamén se aproveitou o financiamento para restaurar figuras e ampliar o seu contido lúdico, reforzando as posibilidades deste espazo como lugar de lecer e entretemento para as familias. Preto dela, ao abeiro do proxecto, montouse unha instalación ben novidosa, consistente nun pequeno bosque comestible, implantado nun bancal onde medran distintas especies de herbas e plantas aromáticas, arbustos e pequenos froitos.
Unha área de autocaravanas con máis capacidade e servizos
A intervención na Cortiña incluiu, ademais -e posiblemente como parte máis visible- a ampliación e nivelación da área de servizos para autocaravanas, que pasou de dúas prazas para baleirar e cargar auga a contar, a maiores, con outras dez prazas de estacionamento para vehículos de grandes dimensións.
A área, que incrementou a súa superficie até os 1.000 m², tamén incorpora unha zona para a limpeza e reparación básica de bicicletas, bancos e arborado, aumentando á súa vez unhas posibilidades de uso que foron moi ben recibidas polas viaxeiras e viaxeiros, tal e como consta nos comentarios enviados a través do formulario activado polo consistorio para rexistrar a chegada de visitantes.
O plan de mellora prevé habilitar proximamente no fondal da parcela un recinto para distintos cultivos, con idea de que esa parte da Cortiña tamén teña un cometido formativo arredor da agricultura.
Un pouco máis lonxe do paseo fluvial, o proxecto paisaxístico abrangueu tamén intervencións no contorno da Casa do Concello e os xardíns municipais, onde se construiu un novo parque infantil, reparouse o hórreo situado preto da escola infantil e a impermeabilizáronse os estanques do pazo, agora baleiros como medida de aforro de auga.
O proxecto completo, executado pola empresa Guerreiro Somozas, está orzamentado en case 375.000 euros, provenientes dos fondos NextGenerationEU canalizados a través dos Convenios da Transición Xusta para zonas afectadas polo peche de centrais térmicas.