O Concello e O Castelo de Narahío reeditan a súa colaboración para organizar o Festival do Río Castro

0

O Concello de San Sadurniño e a AVV O Castelo de Narahío formalizaron este xoves ao mediodía, na Casa do Concello, o acordo de colaboración para a organización da 31ª edición do Festival do Río Castro. O concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, e o presidente da entidade, David Dopico Romero,  rubricaron o documento onde se recollen as condicións desa colaboración, que implica unha subvención nominativa por valor de 6.500 euros.  Esta achega económica cubrirá aproximadamente un tercio do orzamento do festival, que tamén ten confirmada unha axuda de importe similar proveniente da Deputación da Coruña. O evento terá lugar, coma sempre, no lugar da Bóla o primeiro sábado de xullo, concretamente o sábado 4 de xullo. O cartel está pechado desde hai unhas semanas, pero para saber que grupos veñen deberemos agardar ata finais de maio ou principios de xuño, momento no que O Castelo de Narahío fará a presentación oficial.

O convenio asinado este xoves subliña a importancia deste festival, nacido en 1994 , como unha plataforma fundamental para a difusión da música tradicional galega e das novas propostas do panorama folk. A través do acordo, o Concello recoñece a capacidade da asociación para xestionar un evento que xa é un referente na comarca de Ferrolterra e que contribúe directamente á dinamización cultural do territorio.

Tal e como recolle o documento, a AVV O Castelo de Narahío asume a organización integral do evento, ademais da xestión da comunicación, o deseño da imaxe e a elaboración dos plans de emerxencia. Así mesmo, a entidade comprométese a realizar a contratación de grupos e a produción técnica dos concertos, incluíndo iluminación, son e escenario.

O financiamento municipal farase efectivo en dous prazos: un primeiro ingreso do 75% tras a sinatura do convenio e o 25% restante unha vez que a asociación presente, antes do 30 de novembro, a xustificación coa memoria detallada e as facturas das actividades realizadas. O acordo tamén estipula o compromiso da asociación coa Igualdade, así como o de usar o galego en todas as actividades e empregar o logotipo do Concello e do Xeoparque Cabo Ortegal en todo o material divulgativo.

Aínda que o convenio xa detalla a programación para o 4 de xullo, a asociación agardará ao evento de presentación oficial —que adoita celebrarse un mes antes da cita— para desvelar o cartel de artistas deste ano. O obxectivo é manter a expectación sobre unha programación que sempre aposta por figuras relevantes do folk e do tradi e actividades paralelas como enredos infantís, o concurso de tronzador ou o sempre concorrido campionato de tiro á corda no que se aplican a fondo equipos paritarios en canto a xénero.

A organización do festival  anda, segundo os anos, entre 18.000 e 19.000 euros. A  AVV O Castelo de Narahío cobre un terzo deste orzamento cos 6.500 euros de subvención municipal, outra parte cofinánciase cunha cantidade similar proveniente da Deputación da Coruña —a través da convocatoria para festivais musicais da área provincial de Cultura— e o importe restante é asumido pola entidade veciñal con fondos propios.

A percepción da subvención nominativa implica que O Castelo de Narahío, igual que o resto de entidades con convenio, non poida solicitar as axudas de concorrencia competitiva que o Concello convocará en breve para apoiar o tecido cultural e deportivo do municipio.

Share.