O Concello de San Sadurniño celebrou este xoves pleno ordinario. Unha sesión con escasa dialéctica que se resolveu en menos de media hora e que tivo como punto máis reseñable a maneira en que se desenvolveu. E é que, debido a un erro involuntario na convocatoria da comisión informativa, e co obxectivo de darlle a máxima seguridade xurídica ao pleno, o alcalde decidiu retirar da orde do día os tres puntos principais que se ían debater. Porén, os asuntos si foron tratados no pleno introducidos na súa recta final como mocións de carácter urxente.
Unha vez incluídos na sesión, a corporación aprobou en primeiro lugar e por unanimidade a desafectación de 14 metros cadrados de terreo no Chao, en Ferreira, correspondentes ao antigo centro de inseminación artificial. A parcela deixará de ter a consideración de ben de dominio público para pasar a ser patrimonial e será declarada inicialmente parcela sobrante. Durante o debate, os grupos coincidiron en que a pequena parcela, situada no interior doutra propiedade, carece actualmente de funcionalidade e que “ten todo o sentido” que o predio poida allearse facilitando que pase integrarse no terreo que o rodea.
Tamén saíu adiante por unanimidade a aprobación inicial da modificación puntual número 4 das Normas Subsidiarias no núcleo da Bañoca, en Bardaos. O procedemento, promovido a petición de veciñanza do lugar, pretende axustar os límites do núcleo á realidade actual do territorio, diferenciando entre a zona de asentamento tradicional e a de edificación máis recente, e excluíndo da delimitación a contorna do rego da Bañoca para reforzar a súa protección ambiental.
O documento chegou ao Pleno despois de superar o trámite de avaliación ambiental estratéxica, cos informes favorables tanto da Dirección Xeral de Urbanismo como do Instituto de Estudos do Territorio, que non aprecian impacto paisaxístico significativo na proposta. Trala aprobación inicial, agora abrirase un novo período de información pública de dous meses, antes de que o expediente poida seguir o seu trámite cara á aprobación definitiva. Iso si, tal e como se precisou no pleno, mentres non se complete a modificación puntual quedará suspendida a concesión de novas licenzas de obra nese enclave.
O terceiro asunto incorporado á orde do día como moción urxente foi a modificación da ordenanza fiscal da escola infantil municipal para actualizar a tarifa do servizo de comedor, que pasa de 80,52 a 91 euros. Durante o debate, a oposición optou pola abstención e puxo o foco no impacto que o incremento dos custos está tendo nas economías familiares. Desde o goberno municipal defendeuse a necesidade de actualizar a tarifa para contribuír á sustentabilidade do servizo e reclamouse á Xunta que asuma o custo real da gratuidade das escolas infantís, ao considerar que actualmente os concellos están soportando unha parte dese gasto.
Ao tratarse dunha sesión ordinaria, o pleno tamén incluiu quenda de rogos e preguntas, todas elas expostas polo Partido Popular. Como rogo, a portavoz popular pediu que se lles trasladase calquera cambio que se produza nas convocatorias, como foi onte o caso da substitución a última hora da secretaria titular por unha funcionaria actuando como secretaria accidental. Un extremo este último que, tal e como se aclarou na sesión, quedou reflectido na documentación do pleno á que teñen acceso as portavocías dos grupos.
O PP tamén preguntou polo estado das obras de reparación da pasarela de madeira de Cornide -o tramo situado entre o Muíño do Pepe e a ponte sobre o Xubia-, retirada hai uns días. Segundo precisou o goberno local, foi a Xunta, como titular da estrada, quen quitou o antigo taboado coa finalidade de buscar outra alternativa de paso, posiblemente variando o eixo da estrada para deixar máis espazo peonil na marxe dereita en sentido Ortigueira.
Por último o grupo popular tamén preguntou pola limpeza do Xubia e, nomeadamente, por se o Executivo local cursara algunha petición ao respecto. O alcalde sinalou que se trata igualmente dunha competencia autonómica e que a Xunta está ao tanto do estado do río a través do persoal dos servizos ambientais da zona. En calquera caso, o goberno comprometeuse a insistir na demanda.