O Concello está ultimando os traballos de mantemento e mellora nos dous edificios que conforman o CPI San Sadurniño, co obxectivo de que o luns as instalacións estean a punto para o inicio do novo curso escolar. As actuacións supoñen un investimento próximo aos 20.000 euros e inclúen o pintado de catro aulas, a colocación de tarima noutras dúas, reparacións no sistema de calefacción e unha limpeza xeral do exterior. Traballos e investimentos que o Goberno local dá por ben feitos pero que, segundo reclama, deberían ser asumidos e executados pola Xunta como Administración que ten as competencias en Ensino.
O alcalde, Secundino García Casal, salientou que o Concello considera prioritario que o alumnado e o profesorado dispoñan de instalacións “en boas condicións”, pero volveu cuestionar que sexa a Administración local quen teña que asumir boa parte dos custes derivados da conservación ordinaria dos centros educativos. “É un importe que damos por ben investido, porque quen se van beneficiar son o profesorado e sobre todo as nosas nenas e nenos, pero iso non quita de que denunciemos un ano máis que a Xunta non estea asumindo as súas competencias e que descargue nas economías municipais, xa de por si infrafinanciadas, o elevado custe de conservación dos edificios”, sinalou.
A intervención que se vén executando desde hai unhas semanas e que hoxe quedará practicamente rematada foi precedida xa no mes de xullo da retirada, tamén por parte do Concello, de mobiliario e outro equipamento en desuso para o seu tratamento adecuado. As obras concretas dos últimos días foron o pintado de catro aulas e, no caso das de Infantil, tamén a instalación de tarima flotante.
Ademais tamén se acometeron reparacións en varios radiadores e fíxose unha limpeza xeral exterior das dependencias educativas, onde a Xunta de Galicia tamén investiu algo máis de 47.000 euros este verán, destinados á compra de equipamento docente, a reparacións da envolvente e á cuberta do ximnasio. Porén, a xuízo do Executivo local, o proxecto executado pola Consellaría de Educación resulta “insuficiente” para resolver as necesidades estruturais do centro.
Secundino García Casal considera especialmente necesaria unha intervención de maior alcance no edificio de Primaria, que “require unha grande obra integral para cambiarlle o tellado, atallar o problema das humidades, mellorar a súa eficiencia enerxética e dotar o edificio dun ascensor que asegure a accesibilidade aos andares superiores”.
25.000 euros para apoiar os gastos de estudo
Coincidindo co inminente inicio do curso, o Concello tamén puxo en marcha esta mesma semana a convocatoria anual de axudas para gastos de estudo. As achegas dirixidas ás familias contan cunha dotación económica de 25.000 euros, que se distribuirán do seguinte xeito: 1.500 para o segundo ciclo de Educación Infantil -ata 100 euros de axuda por nena ou neno-, 10.750 euros dedicaranse aos ciclos de ensino obrigatorio -ata 200 euros por bolsa- e 12.350 euros resérvanse para colaborar co alumnado que curse bacharelatos, ciclos formativos ou estudos universitarios, cun tope de ata 800 euros por persoa beneficiaria. Os 400 euros restantes ata completar a partida cubrirán situacións especiais, previo informe dos Servizos Sociais
As axudas poden solicitarse até o 30 de setembro no Rexistro Municipal ou a través da Sede Electrónica.