Patrimonio

A historia é o resultado da pegada dos homes e mulleres no territorio, que desde antigo foi enchendo San Sadurniño de numerosos elementos civís, militares e relixiosos erguidos segundo o devir dos tempos. Grande parte do patrimonio histórico de San Sadurniño está encadrado no seu azaroso pasado durante a Idade Media e no poder exercido man con man pola igrexa e a fidalguía durante séculos. Porén, ao seu carón tamén podemos atopar hórreos, muíños e outras solucións adoptadas para aproveitar os recursos dispoñibles en cada época. Menos visible é o pasado sen referenzas históricas claras, representado nos restos de castros e mámoas difíciles de albiscar hoxe en día baixo a maleza e as repoboacións forestais.

Vestixios neolíticos e castrexos
LAXA_VILANOVAOs restos históricos máis antigos dos que se ten constancia en San Sadurniño e que aínda son identificables son as mámoas ou soterramentos do megalistismo galego, unha época ampla comprendida entre o 6000 e o 2000 antes de Cristo. Á vista son simples avultamentos do terreo que antigamente gardaban cámaras funerarias de pedra, expoliadas ao longo da historia na busca de tesouros. Só poden atoparse restos deste tipo no Forgoselo e tamén na zona de Santa Mariña do Monte, concretamente en Moimentos -a toponimia garda sempre relación co pasado-, onde hai identificadas dúas mámoas como parte dun complexo maior de 16 túmulos neolíticos concentrados no eixo Monte dos Nenos-O Esperón, xa no concello de Narón…[+]

Castelo de Naraío e ponte da Ferraría
casteloencinoyO castelo de Naraío está situado á beira do río Castro sobre un rochedo que nalgunhas partes se integra na construción. As escavacións realizadas en 2008 descubriron ata tres muros perimetrais que noutro tempo converterían o castelo nun edificio inexpugnable e con capacidade para resistir durante meses grazas ao grande alxibe de auga que aínda se conserva no interior da torre. Sobre as orixes do castelo todo son conxeturas históricas ao non ter aparecido documentos fidedignos sobre quen o tería mandado erguer. O enxeñeiro catalán Comerma i Batalla  suxire a principios do século pasado que o castelo puidera ter pertencido á familia dos Piñeiro ata que lles foi arrebatado en 1364 polo rei Pedro I en favor de Fernán Pérez de Andrade O Boo en recompensa polos servizos prestados.  …[+]

Pazo da Marquesa
marqAsí é como se coñece o conxunto arquitectónico que noutro tempo pertenceu ao marquesado de San Sadurniño e onde hoxe se asenta a sede municipal. O que hoxe se ve é só unha parte do que houbo no pasado, xa que o pazo eran o edificio principal, as estancias anexas, os xardíns, a capela derrubada en 1967 para ampliar a estrada, o pombal, a granxa e unha frondosa fraga pechada que abranguía máis de 100 hectáreas de terreo. O que queda daquela é unha parcela de 1.8 hectáreas pertencente ao Concello na que destaca o edificio do pazo. A estrutura que se mantén en parte é froito dunha reforma do século XIX sobre unha edificación  máis antiga, seguramente dos tempos da fundación do Señorío de San Sadurniño -S. XVI- por Fernando de Andrade, dous anos despois do pasamento da súa dona, Inés de Castro e Lanzós. …[+]

Convento do Rosario e Igrexa de Santa María
claustro-683x1024O Convento do Rosario encóntrase situado no centro urbano. Na súa orixe foi un antigo hospital e igrexa dos cabaleiros da Orde Templaria, que se disolvería a comezos do século XIV. A historia considera que a presenza templaria en San Sadurniño se remonta ao século XII, pero o primeiro testemuño escrito é do 1248. Trala disolución da orde en 1312, o  edificio quedou en ruínas e sobre elas ergueríase dous séculos máis tarde o convento auspiciado polos primeiros señores de San Sadurniño, Fernando de Andrade e a súa dona Inés de Castro e Lanzós, filla do líder irmandiño Alonso de Lanzós. O convento na honra de Santa María estivo xestionado nun principio por agustinianos, logo por franciscanos e, desde 1570 por dominicos, que o levarán durante os seguintes 250 anos, até a desamortización de Mendizábal en 1835. …[+]

Outras igrexas e elementos relixiosos
murais_naraioSen dúbida os elementos patrimoniais máis abondosos en San Sadurniño son os relixiosos, representados en forma de igrexas, capelas, cruceiros e petos de ánimas. Un dos templos máis antigos é o de Santa María de Naraío, fundada no 865 polo rei Ramiro I. Orixinariamente estaba formada por unha soa nave central con bóveda e portas laterais. No século XII foi remodelada logo dun incendio que destruiu a cuberta. Os cabaleiros da orde de San Xoán de Xerusalén botáronlle entre 1145 e 1150 un novo teito de madeira e nalgún momento dos dous séculos seguintes ampliaríase coa engádega das dúas capelas laterais. Nunha delas aparecen os sepulcros cos escudos dos Piñeiro e Pita da Veiga, sen que haxa certeza sobre a identidade dos persoeiros soterrados. Foi igrexa refuxio entre o século XIII e o XVI, un privilexio que a convertía en lugar no que celebrar xuízos. No século XVIII instalouse o retablo por riba as ricas pinturas ao fresco do altar maior que aínda se conservan ocultas. O retablo chama a atención pola minuciosidade das súas tallas e polas cores empregadas que, sen embargo, non son orixinais senón dunha “restauración” na segunda metade do século XX. A planta é de cruz latina, con nave principal, dúas capelas laterais e sacristía. …[+]

Patrimonio civil
muinotembrasMalia que o patrimonio de orixe relixiosa ou señorial é o que máis destaca no territorio, en San Sadurniño aínda quedan testemuñas dos distintos xeitos en que a xente se adaptou á natureza e aproveitou os recursos dispoñibles. Ao carón dos ríos e regatos que sucan o territorio poden verse pequenos muíños -moitos deles de parcería- e outros, os menos, de maior tamaño e coa vivenda da familia muiñeira formando parte da estrutura. Todos eles responden ao esquema de muíños co rodicio alimentado por unha canle que, á súa vez, recibe a auga desviada do río desde unha presa. É habitual que dispoñan de dúas pedras, unha de granito do país coñecido como “pedra mourenza”  para o millo e outra máis pulida e máis dura, denominada “pedra albeira”, para o trigo e o centeo. Exemplos de muíños hainos en todos os cauces do territorio, pero cómpre reseñar os existentes ás beiras do río Aceiteiro, que protagonizan unha das grandes rutas de sendeirismo do concello. …[+]