Patrimonio Civil

Fonte do Fabal
Fonte do Fabal
« 1 de 10 »

Malia que o patrimonio de orixe relixiosa ou señorial é o que máis destaca no territorio, en San Sadurniño aínda quedan testemuñas dos distintos xeitos en que a xente se adaptou á natureza e aproveitou os recursos dispoñibles. Ao carón dos ríos e regatos que sucan o territorio poden verse pequenos muíños -moitos deles de parcería- e outros, os menos, de maior tamaño e coa vivenda da familia muiñeira formando parte da estrutura. Todos eles responden ao esquema de muíños co rodicio alimentado por unha canle que, á súa vez, recibe a auga desviada do río desde unha presa. É habitual que dispoñan de dúas pedras, unha de granito do país coñecido como “pedra mourenza”  para o millo e outra máis pulida e máis dura, denominada “pedra albeira”, para o trigo e o centeo. Exemplos de muíños hainos en todos os cauces do territorio, pero cómpre reseñar os existentes ás beiras do río Aceiteiro, que protagonizan unha das grandes rutas de sendeirismo do concello.

Canda os muíños, en San Sadurniño aínda se conservan casas de labranza tradicionais. As máis delas están en ruínas ou camufladas entre reformas posteriores, pero aínda hai edificacións que mostran ese estilo de construción con cubertas de lousa a tres ou catro augas e muros de pizarra ou granito nos que as máis das veces se integra o toelo en forma de dinteis e xambas. Casas nas que aínda sobreviven hórreos centenarios, pozos e peches de loureiro, protectores de tronadas e doutros “males” que asexaban os fogares. As vivendas labregas teñen o seu contrapunto arquitectónico no casco urbano de San Sadurniño, onde atopamos edificacións erguidas por familias que prosperaron no comercio, en profesións liberais ou polo seu vencellamento á administración e o poder pacego. De feito, moitas delas son de primeiros do século XX, cando os Duques da Conquista marcaban tendencia tamén no estilo construtivo, que podería encadrarse no Modernismo.

Mención á parte merecen as escolas indianas construídas cos fondos proporcionados pola emigración na Arxentina e no Uruguai. Son só dúas e están en Ferreira, unha na Seara e outra na Leiriña e foron impulsadas pola Sociedade pro-escuelas de Ferreira creada en 1915. A da Seara foi reformada para converterse en 2008 en local social da parroquia mentres que a da Leiriña -tamén propiedade do Concello- mantén a súa estrutura orixinal. Nesa parroquia tamén se encontra ao pé da igrexa de San Paio un pequeno palco da música inaugurado no 1936, o único que se conserva dese tipo en San Sadurniño.

Máis recentes na historia son os lavadoiros públicos que hai repartidos por todas as parroquias. Construídos entre os anos 50 e 60 -algúns reedificados sobre lavadoiros existentes- pouco a pouco foron desbancados polas lavadoras ata ser pasto das silvas. O Concello limítase nestes momentos a conservalos limpos e a facer pequenos labores de mantemento. <<< voltar a Patrimonio