Os concellos da zona queren unha reunión urxente con Ethel Vázquez para falar de melloras no transporte público

0

Representantes de 11 municipios do norte das provincias de A Coruña e Lugo reuníronse este mércores en Moeche para avanzar nos problemas no transporte público que, segundo aseguran, están vivindo as tres comarcas do eixo costeiro Ferrol-Viveiro. O principal acordo adoptado na xuntanza foi o de solicitar un encontro urxente coa Conselleira de Infraestruturas “que non se demore máis aló do 31 de marzo” co obxectivo de demandar solucións, principalmente, “ao abandono das infraestruturas e á redución de horarios” que lle afectan ás liñas de autobús e ferroviarias.

Á reunión celebrada na casa consistorial de Moeche asistiron responsables políticos dos concellos de Ferrol, Narón, Valdoviño, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Cedeira, Cariño, Ortigueira, O Vicedo e Viveiro. Mañón escusouse por non poder acudir á xuntanza e As Somozas xa hai varios días que rexeitou participar nas conversas.

O primeiro encontro, organizado a semana pasada, serviu como toma de contacto entre os municipios dunha zona que abrangue preto de 300.000 habitantes e que, tal e como indica a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, “está vivindo unha situación de abandono” no referido ao transporte público por estrada e e ferroviario, “principalmente desde o ano 2009, cando se empezou a agudizar a redución de horarios e o escaso mantemento das infraestruturas”.

Do contido da xuntanza deste mércores trascendeu a intención dos concellos de convocar un encontro en Moeche coa Conselleira de Infraestruturas. Unha reunión con carácter urxente e que “non se demore máis aló do 31 de marzo”.

O que se lle trasladará a Ethel Vázquez será a petición dunha solución inmediata e, a medio prazo, o deseño dun programa intercomarcal de mobilidade “que se axuste á realidade e que dea un servizo de calidade”. A reunión coa máxima responsable autonómica de Infraestruturas tamén pretende instar á Xunta para que lle esixa ás concesionarias “que se cumpran os servizos”.

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0377_gl.html#/-1/

Share.