O Chanfaina Lab volve este sábado cunha nutrida representación local

0

A segunda edición do encontro audiovisual Chanfaina Lab xa ten preparada a lista de reprodución para a estrea deste sábado á tarde na Casa da Cultura. Pasaranse 21 curtametraxes de estilos e formatos diferentes, aínda que todas seguindo o mesmo fío condutor: San Sadurniño. Trala exitosa experiencia do ano pasado o Chanfaina repite formato á hora de presentar as producións, que se proxectarán a partir das 18.00h. con entrada libre como unha sesión contínua. As pezas, gravadas na súa maioría na fin de semana do 4 ao 6 de setembro, contan nesta edición cunha alta participación local tanto no apartado de colaboracións durante a produción como no da realización, con nomes coma o de David Anca, Fran Bermúdez, Sabela Íñiguez, Patricia Lamas, Ary López, Miguel Sanjurjo e Abel Vega. Canda eles e elas, xente cunha traxectoria consolidada no mundo audiovisual e moitos novos valores que veñen pisando forte.

O punto de partida do Chanfaina é ben sinxelo. Tal e como asegura o apartado do proxecto na web Falamedesansadurnino.org o que se lle propuxo ás persoas participantes foi “gravar entre o sábado 5 e o domingo 6 (de setembro) unha película dunha duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural, a emigración, o devir do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, transforman a San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais innovadoras”.

Con estas únicas nocións cadaquén tirou por onde quixo contando coa colaboración da Aula CeMIT, do impulsor do proxecto -o profesor Manolo González- e, principalmente, de entidades do territorio e de veciños e veciñas que se implicaron nas tarefas de produción, na loxística ou mesmo poñéndose diante da cámara como protagonistas.

Documental, ficción, experimentación visual, humor… todo ten cabida neste proxecto do que poderemos ver os froitos este sábado dun tirón. Serán 21 curtas con formatos e duracións variadas que, en conxunto, superan as tres horas de proxección. De aí que a organización do evento decidise estruturar a estrea en tres partes: unha pequena introdución -á que asistirán os realizadores e realizadoras para presentaren brevemente as súas pezas- e, posteriormente, o pase cun breve descanso no ecuador da sesión.

Porén, esta non será a única oportunidade de ver as curtas. E é que a partir da semana que vén iranse estreando na canle de youtube de Fálame a razón de unha obra cada venres. Trátase do mesmo esquema da anterior edición, na que as 19 pezas publicadas colleitaron en conxunto máis de 6.500 reproducións en youtube e, algunhas delas, tamén premios de prestixio internacional. Foi o caso -entre outros- dos galardóns acadados por “Cruz Piñón” de Xisela Franco e “Proba de axilidade” de Jaione Camborda no Curtocircuíto. E é que outro dos obxectivos do Chanfaina é o de dar a coñecer o territorio tanto na rede como diante dos públicos que asisten a festivais ou que acceden a estes contidos por outras canles de difusión.

Nomes de aquí e nomes de acolá
O II Chanfaina Lab inclúe catro achegas da casa. Son as curtas “Quixera” de Fran Bermúdez; “E ti de quen vés sendo?”, realizado por Ary López e Sabela Íñiguez; “A pena dos tres pés”, dirixido por Abel Vega -un veciño de Igrexafeita que se estrea no Chanfaina logo de ter producido varias pezas para Fálame de San Sadurniño-; e, por último, “O meigo mouro do repetidor”, producido por Patricia Lamas, Miguel Sanjurjo e David Anca no seo da iniciativa local Conciencia TV.

Eles e elas comparten cartel este sábado con xente de renome e longa traxectoria no audiovisual de dentro e fóra de Galicia. Esoutros protagonistas do Chanfaina son Antón Caeiro, Lucía Vilela, Sandra Sánchez, Mar García, Miguel Mariño, Diana Toucedo, Gonzalo Veloso, Ana Domínguez, Xiana Gómez, Susana Rey, Mar García, Giselle Llanio, Natalia Porca, Álvaro Gago, Alberte Branco -director de fotografía do filme Los Fenómenos-, Gabriel Tizón -encargado do resume fotográfico- e os realizadores Cristina Esteiro e Carlos A. Quirós -este último con raíces en Naraío-, responsables do viral “Ferrol Mola”.

Programa completo

1. “O Salón do Canteiro”. Antón Caeiro. 15 min. 20’’
2. “Toxos e flores”. Lucía Vilela. 4 min. 15’’
3. “Matías”. Sandra Sánchez. 10 min.
4. “Beleza do verán. Mar García. 4 min.
5. “O tempo da mazá”. Miguel Mariño. 5 min. 25’’
6. “O meigo mouro do repetidor”. ConcienciaTV: Miguel Sanjurjo, David Anca, Patricia Lamas. 10 min. 30”
7. “Homes”. Diana Toucedo. 10 min.
8. “A pena dos tres pés”. Abel Vega. 11 min. 49’’
9. “Trazos”. Alberte Branco. 9 min. 10 “
10. “E ti de quén ves sendo?”. Sabela Iñíguez e Ary López. 8 min.

DESCANSO

11. “A imaxe na lembranza”. Gonzalo E. Veloso. 17 min.
12. “A bizcochada”. Carlos A. Quirós. 11 min. 30″
13. “Brío”. Ana Domínguez. 4 min. 55’’
14. “Sotobosque 1”. Xiana Gómez. 5 min. 38’’
15. “Quixera”. Fran Bermúdez.. 4 min. 34’’
16. “Come Go”. Susana Rey. 15 min. 40’’
17. “Instantes dun retorno”. Giselle Llanio. 15 min.
18. “Cara B”. Mar García. 2 min.
19. “Materia prima”. Natalia Porca. 3 min. 46″
20. “ Os aventados”. Álvaro Gago. 3 min. 45″
21. “Dende a orixe”. Gabriel Tizón. 9 min.

Entrada libre ata completar o aforo.

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0348_gl.html#/-1/

Share.