Javier Suárez mostra como vestir un fogar

0

O Tempos para compartir do pasado sábado foi un dos máis exitosos en canto a participación de todos cantos se teñen organizado. Asistiron 25 persoas para descubrir sinxelos trucos cos que converter calquera vivenda nun lugar máis acolledor. O obradoiro impartiuno o interiorista Javier Suárez, quen falou sobre o home-staging ou, traducido ao noso idioma, a posta en escena que pode axudar a vender unha casa. Deu consellos útiles para quen queira vender ou alugar unha vivenda, pero tamén para quen teña en mente darlle unha volta á decoración.

Suárez é un reputado decorador que nos últimos tempos se especializou no home-staging, que vén sendo a ambientación da vivenda para que lle cause unha boa impresión a calquera persoa interesada en comprala ou alugala. O home-staging combina o gusto polo detalle e a combinación de elementos -mobles, cortinas, a pintura, iluminación, temperatura, etc.- de cara a crear unha imaxe acolledora de calquera inmoble, xa sexa para publicitalo a través da Internet ou para que enganche a quen o visite.

Porén, os consellos de Suárez tamén serviron de orientación de cara a converter un fogar máis agradable onde vivir. Suárez aposta polo minimalismo na decoración xogando coa calidez a través da luz e cunha distribución dos elementos ordenada e con certo sentido, na liña de que o espazo estea ben aproveitado e orientado máis ás persoas que á acumulación de obxectos. De feito, Suárez puxo varios exemplos do que se debe e o que non se debe facer e mesmo aproveitou unha esquina da Casa da Xuventude para mostrar como vestir un rincón con só unha cadeira, unha alfombra e unha luz ambiental colocada no chan.

Próximo obradoiro: elaboración de pan
O próximo Tempos para compartir celebrarase en Naraío o sábado 5 de marzo e estará dedicado á elaboración de pan artesán nun forno de leña tradicional. Neste caso contarase coa colaboración de Lois Anxo Rodríguez -director do CPI e exdirector da escola de hostelería de Pontedeume-, da tamén profesora do colexio Pilar Charlón e do veciño da parroquia Juan Manuel Vega.

No obradoiro faranse bolos tradicionais, pero tamén se mostrará a preparación de panificacións máis actuais, como por exemplo as fogazas recheas de froitos secos. Só se ofrecen 12 prazas que se cubrirán por orde de inscrición dándolle prioridade a persoas empadroadas no municipio. Para apuntarse é necesario chamar ao 981 490 027 ext.1

Share.