As últimas raiolas do verán son como trenchas que labran a paisaxe, enfatizando contrastes e dándolle texturas que van in crescendoa medida que se achega o outono. A luz vólvese máis limpa e préstase ao exercicio fotográfico, parte fundamental de calquera audiovisual. A realizadora ferrolá Mar García aproveitou todas as posibilidades do territorio e do sol de San Sadurniño, sen dúbida un dos grandes aliados do Chanfaina Lab deste ano, xuntando ambiente, natureza e o misterioso magnetismo diante da cámara do actor Daniel Vilela. O resultado é un pequeno poema visual que reflexiona sobre a beleza. Pero tamén sobre o ciclo da vida.
Con só vinte anos -explica a web Falamedesansadurnino.org-, a ferrolá Mar García é a cineasta máis nova desta segunda edición do Chanfaina Lab. Estudante no 3º Curso da ESCAC de Barcelona, actualmente está a especializarse en Documental. Mais, malia a súa xuventude, Mar xa leva varios anos levando o seu talento e creatividade ao blog Eu, no que publica habitualmente poemas, fotografías e fragmentos de vídeos nos que mostra unha desbordante imaxinación e sobre todo, unha mirada poética moi persoal sobre o que ten arredor de si. Algúns dos seus vídeos podemos miralos na súa canle de Youtube.
Mar García chegou a San Sadurniño sen idea preconcibida e coa lixeira equipaxe dunha frase de Shakespeare: a beleza do verán morreu antes de que ti naceras. Viña tamén coa teima de atrapar o espírito do final do verán, cun punto de partida moi impreciso: o paseo do actor Daniel Vilela polos bosques do arredor de Silvalonga. Eu pretendía contar o nacemento, morte e resurrección da beleza nos días finais do verán nun videopoema. Hai un plano longo -eixe do filme- que semella un enterro, mais en realidade é o nacemento dunha flor, que simboliza ademais a fermosura do verán, da natureza e tamén a beleza de Dani, o actor protagonista
Beleza de verán é un haiku visual que pretende levar a nosa mente a través da imaxinación cara ao sobrenatural da beleza que produce emoción. Un universo surreal, onde prima o onírico e o simbólico, que nos invita á ensoñación poética da plenitude do verán, pero tamén a experimentar sensacións da vida, unha das constantes na traxectoria da novísima e prometedora cineasta ferrolá.