A Biblioteca municipal estrea a semana dos libros cun maratón de lectura

0

 

Alumnado do CPI e veciñanza de San Sadurniño participaron ao longo desta mañá nun maratón de lectura na Casa da Cultura onde se lle rendeu tributo tanto a Cervantes no 400 aniversario do seu pasamento como a Manuel María, o homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. Deste xeito arranca unha serie de eventos dedicados aos libros que se prolongará durante a semana que vén e que rematará ao día seguinte do 17 de maio.

O protagonismo da mañá tivérono os rapaces e rapazas do colexio público. Curso por curso foron subindo ao escenario da Casa da Cultura para leren fragmentos da primeira parte de El ingenioso hidalgo Don Quijote de La Mancha, a obra máis coñecida de Miguel de Cervantes e o libro máis traducido a outras linguas despois da Biblia e o Corán. Peza fundamental, en definitiva, da lingua castelá que a cativería foi recitando aos poucos durante toda a mañá. E non só para o auditorio do centro cultural, senón tamén para viandantes que nese momento pasaban pola avenida Marqués de Figueroa, pola praza do antigo Concello e por diante do edificio, onde se colocou un altofalante que radiaba todo o que pasaba no interior.

Porén, a actividade estaba aberta ao público en xeral. Foron varias as persoas que se animaron a participar neste maratón de lectura no que, ademais, tamén se repasaron fragmentos da obra poética de Manuel María. E é que o 23 de abril, ademais de día de feira en Moeche, é tamén o día sinalado pola UNESCO para homenaxear aos libros, a todos os os libros, estean escritos na lingua que sexa.

A data elixiuse pola suposta coincidencia nese día do 1616 do pasamento de Shakespeare, de Cervantes e do Inca Garcilaso de la Vega. Unha cadrada aceptada que aínda hoxe levanta controversias académicas, posto que parece estar constatado que Cervantes morreu o 22 de abril e foi soterrado o 23 e que Shakespeare faleceu, efectivamente, o 23 de abril… pero do calendario xuliano o que, feita a debida conversión de almanaques, fixaría a súa morte para nós no día 3 de maio de 1616. É dicir, existe a convención de que os dous pasaron a mellor vida o 23 de abril, pero a realidade é que Shakespeare aínda lle sobreviviría 10 días ao autor do Quixote, ou 11 se damos por boa a teoría de que Cervantes morreu o 22 de abril.

Volvendo ao que realmente importa, o asunto dos libros, cómpre sinalar que o maratón de lectura desta mañá supuxo o arranque dunha programación máis ampla centrada na literatura dentro do programa financiado pola Xunta “Ler conta moito”. Así, o luns 25 de abril ás 10.00h. a Casa da Cultura acollerá unha charla sobre a relación entre a arte e máis os libros tomando como referente a figura do creador galego Luis Seoane. A actividade proporalle á rapazada de 5º de primaria lecturas e pequenas actividades plásticas nun obradoiro que pretende descubrirlles a un dos grandes das nosas artes e fomentar a creatividade.

Ao día seguinte, o martes 26, a partir das 11.00h., Manuel Solla ofrecerá o espectáculo “Conto contigo”, dirixido a nenos e nenas de primaria. Trátase dunha peza con contacontos, monicreques e maxia interactiva pensada para promover o hábito da lectura no alumnado do ciclo inicial de escolarización.

Xa no mes de maio, o día 18, chegará á Casa da Cultura a obra “Contando en feminino”. A asociación cultural Lisístrata narrará contos desde a perspectiva de xénero e co obxectivo de concienciar aos máis pequenos e pequenas sobre a igualdade. Daranlle a volta ás historias de toda a vida dun xeito divertido, ofrecendo incluso finais alternativos e sorprendentes nos que a muller asume o rol que lle corresponde.

Share.