A auga dos últimos días provoca novos desprendementos ao pé das pistas

0

Non saímos dunha para meternos noutra. Vento, choiva, logo vento de novo, outra vez choiva, choiva e vento xuntos… agora frío. É o tempo que estamos tendo e que cabe agardar nesta época do ano, porque o realmente anormal era o de antes, o sol e a calor en pleno inverno. Deixando a un lado o que vén do ceo o caso é que na terra os temporais encadeados levan feito xa varias gavachadas. A última -e a que, se cadra, será máis custosa de amañar- foi un novo desprendento de terra ao pé dunha pista en Igrexafeita. Case 2.000 metros cadrados de monte replantado recentemente foron parar ao río, deixando a pena á vista e danando a cimentación da estrada que une A Ribeira e A Fervenza.

O varremento da terra produciuse relativamente preto da pista do Cando, onde hai unhas semanas a auga tamén arrastrou terra, árbores e rochas ata o río Castro. Daquela o Concello viuse obrigado a cortar o tráfico na pista durante dúas semanas e a investir arredor de 11.000 euros en reparacións, que quedaron finalizadas hai tan só uns días. Trátase dunha zona especialmente complicada por causa da forte pendente pola que serpea a estrada municipal, coa engádega de que as choivas abren torrentes aquí e acolá que primeiro labran o terreo, ao tempo enchóupano e despois acaban levándoo con eles.

O caso é que a medio camiño entre A Ribeira e A Fervenza desapareceron preto de 2.000 metros cadrados dun eucaliptal plantado non hai moito. A enxurrada de carabullos, lama e rochas percorreu uns 90 metros de ladeira ata chegar ao río. O desprendemento iniciouse xusto na beira da estrada e, se ben semella que o firme non sufriu danos, todo apunta a que será necesario erguer arredor de 15 metros de pista, facer un coído con canalizacións de drenaxe e despois volver asfaltar. A vía non está cortada, pero desde o Concello aconséllase estremar as precaucións ao pasar pola zona, situada xusto debaixo do lugar do Couce.

Asolagamentos e máis desprendementos
Os sucesivos temporais dos últimos días tamén produciron incidencias noutros puntos do territorio. Houbo asolagamentos nas áreas da veiga do río Grande de Xubia -o local hostaleiro O Muíño do Pepe volveu ter a auga preto da porta-, pero tamén en lugares como Bardaos ou na zona da Agra. Ademais houbo outros pequenos desprendementos de ribazos en practicamente todo o territorio. Un deles afectoulle ao Chao de Lamas na noite do venres ao sábado obrigando a despexar a metade da pista que cruza o lugar. Esta noite volveu ocorrer no mesmo sitio coa diferenza de que a terra pasou a estrada de lado a lado deixando ambos carrís inutilizados.

Outro lugar onde a auga traballou a reo foi na vía de servizo da AG-64 na zona do Carazo. As sacas de madeira que se están realizando nun monte próximo converteron esta pista de titulariedade autonómica nun lodazal que, coas últimas choivas, baixou ata a estrada de Piñeiros. Non é a primeira vez que ocorre e, de feito, a Xunta xa ten coñecemento dun problema que se repetiu varias veces nos últimos invernos polo mesmo motivo. En calquera caso, segundo informa o goberno local, tanto a propietaria do monte que se está cortando como a empresa madeireira que fai o traballo contactaron xa co Concello para facilitar os seus datos e comprometerse a subsanar os danos causados.

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0349_gl.html#/-1/

Share.