Castelo de Naraío

Castelo de Naraío
Castelo de Naraío
Detalle do enciño e do acceso principal
« 1 de 6 »

O castelo de Naraío está situado á beira do río Castro sobre un rochedo que nalgunhas partes se integra na construción. As escavacións realizadas en 2008 descubriron ata tres muros perimetrais que noutro tempo converterían o castelo nun edificio inexpugnable e con capacidade para resistir durante meses grazas ao grande alxibe de auga que aínda se conserva no interior da torre. Sobre as orixes do castelo todo son conxeturas históricas ao non ter aparecido documentos fidedignos sobre quen o tería mandado erguer. Estudos máis recentes apuntan a que o edificio xa estaba en construción no século XI.

O enxeñeiro catalán Comerma i Batalla  suxire a principios do século pasado que o castelo puidera ter pertencido á familia dos Piñeiro ata que lles foi arrebatado en 1364 polo rei Pedro I en favor de Fernán Pérez de Andrade O Boo en recompensa polos servizos prestados. A propiedade seríalle confirmada de novo unha década despois polo rei Henrique II de Trastámara en agradecemento por telo apoiado na loita contra o seu medio irmán Pedro I (disque o Andrade participou no asasinato de Pedro I). A fortaleza foi, segundo se cre,  cárcere para malfeitores e tamén para morosos.

O castelo foi un dos escenarios da primeira revolta irmandiña (1431) dirixida sen éxito por Roi Xordo contra Nuno Freire de Andrade O Mao. Entre 1466 e 1469 volvería ser un dos focos da guerra Irmandiña, desta vez contra  Fernán Pérez de Andrade O Mozo. Alonso de Lanzós -curmán do Andrade- encabezou aquí a revolta. O seu exército derrubou o castelo que, trala súa derrota, foi reconstruído como castigo polos propios sublevados. A fortaleza e as propiedades pasaron entón  a mans de Diego de Andrade -fillo de Fernán- e, co tempo e os casamentos, á Casa de Alba, actual propietaria da fortaleza cedida ao Concello por un periodo de 30 anos.

Ficou abandonado a principios do século XVII e durante tempo foi empregado como canteira da que obter material de construción para as casas da contorna. Mesmo a presa e a central hidroeléctica que hai ao seu carón están cimentadas sobre pedras do castelo. Hoxe só se conserva a torre e parte dos muros superiores, ademais de dous arcos que soportaban portóns e o enciño.

Do tempo dos Andrade tamén nos queda a Ponte da Ferraría (cca. o S. XIV), na parroquia de Naraío. A ponte ten un só ollo de arco gótico e é de canteiría cunha fábrica moi semellante á do castelo. A finais dos anos 60 do século pasado foi remodelada engadíndolle unha prancha de formigón que permitise salvar as riadas do Castro durante o inverno. Nun dos seus estremos conta cunha ruda escultura zoomorfa que aínda hoxe xera controversia académica sobre se se trata da figura dun oso ou dun xabarín, animais ambos ligados á simboloxía dos Andrade. En Naraío sempre se coñeceu como “o porco” e cóntase que en orixe eran dúas as figuras. A ponte foi durante séculos o principal punto de vadeo do Castro percorrendo o antigo “Camiño Real”. Na antigüidade cobrábase o dereito de pontazgo -había que pagar para cruzar a ponte-, aínda que existía a posibilidade de cruzar o río a pé e de balde por uns pasos situados uns metros máis arriba, hoxe desaparecidos. <<<voltar a Patrimonio