Unanimidade nun pleno que desviou o debate cara a asuntos que non ían na orde do día

0

O pleno ordinario deste mes de marzo liquidouse en 41 minutos. Tempo máis que de sobras para tratar dous puntos con contido administrativo incluídos na orde do día: a aprobación da declaración institucional co gallo do Día Internacional da Muller e unha modificación orzamentaria para acomodar a partida que se destinará a reparar varias pistas cunha subvención do AGADER. De feito, o contido destes puntos non deu practicamente xogo dialéctico, xa que a declaración institucional fora consensuada previamente polos tres grupos municipais e a modificación de crédito era un simple trámite con escasa materia de discusión.

Entón… ¿en que se foron os 41 minutos e 1 segundo que durou o pleno?. Pois fóronse no de sempre, en debater as cuestións que os distintos grupos consideran importantes pero que, nesta ocasión xurdiron en paralelo aos temas que figuraban na orde do día.

O primeiro deles foi o da aprobación da declaración do 8 de marzo. Un texto ao que lle deu lectura a titular de Igualdade, Ana B. Gundín. Nel insístese en que a procura dunha igualdade real da muller é “un labor diario que a todas e todos nos corresponde tanto nas institucións como na sociedade”, reivindicando neste sentido “que o traballo e o emprego se distribúan en condicións dignas, para que as tarefas dos coidados sexan compartidas, para que a afectividade e a sexualidade se vivan de maneira diversa, libre e segura; para que se superen os estereotipos e roles,para que desaparezan os ataques sexuais e sexistas, para que a precariedade e a pobreza non teñan nome de muller e para que se dean as mesmas opcións reais de decisión nos centros de poder, entre outros factores”.

A declaración pide, ademais, “medidas normativas, técnicas e económicas audaces, deixando a un lado os actuais recortes que estamos a sufrir” e volve ratificar o compromiso municipal coa igualdade de xénero tomando como guía principal o II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes aprobado polo Concello para o periodo 2014-2017.

O texto saiu adiante por unanimidade dos tres grupos, igual que o seguinte asunto plenario, centrado en acomodar no orzamento unha partida de 103.000 euros que se destinará ao arranxo de varias pistas municipais. 85.000 proveñen de fondos europeos xestionados polo Agader e os outros 18.000 correspóndense co ive das actuacións, que deberá ser asumido polo Concello. O que se aprobou foi incrementar o capítulo 6 do orzamento -o de investimentos reais- incorporando a achega da Xunta e movendo desde o capítulo 1 a contía que lle toca poñer ao Concello.

A cuestión non ocupou debate algún, pero si a petición do Secretario municipal incluída no informe para que se reforce o seu departamento. O asunto introduciuno o portavoz do PSdeG-PSOE quen pediu unha solución para a “sobrecarga do servizo”. O PP sumouse a esta petición e preguntoulle ao equipo de goberno se tiña previsto “dar algunha solución”. O grupo nacionalista respostou que nestes momentos a normativa estatal non permite facer contratacións pero que non habería “ningún problema” en tratar o asunto na mesa de portavoces “xunto con outras cuestións”. O alcalde explicou que existe unha relación de postos de traballo aprobada e que “as funcións de secretaría intervención debe facelas o Secretario interventor” que, tal e como lembrou Secundino Garcia, “leva no Concello desde 1996 e ata hai un ano non vimos en ningún informe esa a coletilla (da sobrecarga do servizo)”. O alcalde ratificou que “non hai ningún problema” en sentar falar coa oposición sobre a RPT e sobre “as funcións de cadaquén”.

Tras votar a modificación de crédito, que obtivo o respaldo unánime de BNG, PP e PSOE, informouse da retirada da orde do día dunha moción que tiña previsto presentar o grupo socialista sobre a modificación catastral que ten previsto acometer o Estado e que, segundo parece, se deixará notar nas construcións das explotacións agrogandeiras. O BNG e o portavoz socialista acordaron na xunta de portavoces deixar a moción para o próximo pleno, cando se levará un texto consensuado entrambos grupos na que se reflicta a casuística daquelas explotacións inactivas, pertencentes na súa maioría a labregas e labregos xa retirados.

Feita a aclaración, o pleno adentrouse no apartado dos rogos e preguntas. Unha última parte da sesión que se abriu cun rogo do PSOE sobre a previsión da Deputación de habilitar unha liña de subvencións que permitiría destinar un tercio do POS “para contratar 1 ou 2 persoas” vinculadas a un proxecto de tipo ambiental. Lourido solicitou neste sentido que se valore esa posibilidade, mentres que o goberno municipal expresou a súa coincidencia coa idea comprometéndose a estudar o seu acomodo ao proxecto que ten previsto mellorar a eficiencia enerxética da casa consistorial mediante a substitución da carpintería exterior.

O PP aproveitou a quenda das preguntas para inquirir ao alcalde sobre se non lle parecía “excesiva” a suba do seu salario no Concello “nun 25%”, asegurando ademais o cobro de dietas “que suman bastante” por parte do rexedor local. Secundino García convidou a Manuel Romero a que trouxese datos concretos en vez de “dicir cousas en abstracto”. O portavoz do PP insistiu en que “hai dietas de 200 e 300 euros”, cuestión que García replicou “non hai ningún mes en que eu cobrara 300 euros de dietas”, ao tempo que acusou a Romero de estar “mentindo intencionadamente”. García tamén retou ao edil popular a que achegase probas documentais sobre o cobro de dietas e gastos de desprazamento.

Finiquitado o debate salarial do alcalde, o PP preguntou se a pista que une a Penavidreira e o lugar de Piñeiros -onde se acumulou lama arrastrada dun monte próximo onde se fixeron sacas de madeira- “vai quedar así ou vai facerse algo”. Unha cuestión que o alcalde propuxo formularlle á Xunta de Galicia, habida conta de que tanto a pista forestal danada como o lugar onde se amontoou a lama é de titulariedade autonómica. “A nosoutros ben nos chega acordar nos camiños do Concello de San Sadurniño para canto máis acordar nos camiños da Xunta, que ten persoal e capacidade suficiente para facer cumprir a lei e esixir a reposición dos bens. Outra cousa é que non o queira facer e que desvíe o problema cara ao Concello”, sentenzou Secundino García.

O asunto das pistas proseguiu despois a través de dúas intervencións do público, nas que se volveu falar dos danos provocados pola extracción de madeira. Nesa quenda final de palabra fóra da sesión tamén se abordou a fusión de concellos gobernados polo PP, a cuestión da repercusión do “catastrazo” sobre cortes e outras instalacións agrogandeiras ou a ampliación do plan municipal da recollida porta por porta ás zonas máis elevadas do municipio.

Declaración institucional do Día Internacional da Muller

Audio do pleno

Share.